INICIATIVAS SOCIALISTAS OURENSÁNS NAS INSTITUCIÓNS

Reunímonos cos empresarios de San Cibrao para impulsar a estación de mercadorías

O PSDEG-PSOE DE OURENSE ESTUDA COA ASOCIACIÓN DE EMPRESARIOS DO POLÍGONO DE SAN CIBRAO O IMPULSO DA TERMINAL FERROVIARIA DE MERCADORÍAS

Os representantes dos socialistas ourensáns no Congreso e Senado amosaron o seu compromiso para pelexar por un proxecto que consideran “clave” para a provincia e a cidade de Ourense

Os socialistas tamén lle trasladaron os empresarios o seu apoio para que a Xunta remate o enlace coa A-52, que agora mesmo non chega ata o Polígono de San Cibrao e que depende do ente autonómico

San Cibrao das Viñas, 2 de novembro de 2020. O deputado no Congreso, Adolfo Pérez Abellás; a deputada, Uxía Tizón;  o senador, Miguel Bautista, e a voceira socialista en San Cibrao, Bibiana Iglesias, mantiveron hoxe un encontro coa directiva da asociación de empresarios do polígono industrial de San Cibrao das Viñas, co fin de estudiar o impulso do proxecto da terminal ferroviaria de mercadorías que esta área industrial ─a maior de Galicia─ reclama desde hai lustros.

Durante a reunión os parlamentarios explicaron que este “é un proxecto clave” para o futuro da provincia e para o correcto desenvolvemento industrial do polígono de San Cibrao. Os socialistas tamén lles requeriron os empresarios o anteproxecto que están preparando sobre a estación de mercadorías para trasladarllo a ADIF a maior brevidade posible e conseguir o seu compromiso para a realización desta obra. Dende o PSdeG-PSOE de Ourense tamén lles trasladaron aos empresarios a necesidade de contar co apoio de Xunta de Galicia, Deputación de Ourense e os concellos de Ourense e San Cibrao para a realización dunha obra na que todos deben ser parte e que beneficiará á provincia.

Adolfo Pérez Abellás, Uxías Tizón, Miguel Bautista e Bibiana Iglesias cos representantes da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao.

Desde a asociación empresarial resaltaron que esta estación de mercadorías é clave para o futuro desenvolvemento empresarial do polígono e para atraer novas empresas e resaltan a importancia de trasladar as mercadorías a o polígono, xa que tal e como apuntan “o 80% das mercadorías que se trasladan por tren dende Ourense teñen sede no polígono”. Os empresarios tamén requeriron o apoio dos socialistas para levar a cabo melloras na depuradora que actualmente non da abasto coa demanda de augas residuais e os representantes en Congreso e Senado comprometéronse a analizar coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil como está o proxecto para levalo a cabo.

A terminal ferroviaria de mercadorías de San Cibrao, ubicada na coñecida como ‘Cidade do Transporte’, é un nodo loxístico situado a carón da liña convencional de ferrocarril Ourense-Zamora, co que se busca impulsar os transportes intermodais por tren e estrada desde esta ampliación do polígono construída polo IGVS da Xunta. O goberno galego nunca se preocupou do seu impulso a pesar de ser unha infraestrutura clave para dinamizar a economía de Ourense e seu cinturón industrial. Ao tratarse dunha obra de caracter ferroviario, a súa execución corresponde ao Administrador de Infraestruturas Ferroviarias.

A execución desta nova terminal tamén permitirá liberar o gran espazo ferroviario que actualmente se emprega no barrio da Ponte para xestión das mercadorías na estación Ourense-Empalme, devolvendo á cidade decenas de miles metros cadrados para outros usos públicos.

image.png

O PSdeG-PSOE de Ourense tamén lles trasladou os empresarios o seu apoio as reivindicacións para que a Xunta de Galicia remate o enlace coa A-52, que actualmente non chega ata o polígono de San Cibrao. Os socialistas trasladáronlle que xa solicitaron na Deputación de Ourense que se instase o ente autonómico a rematar una obra clave para a comunicación cos polígonos de San Cibrao e Pereiro e lembráronlles que o Partido Popular con Manuel Baltar á cabeza votou en contra desta iniciativa. O PSdeG ourensán comparte esta reivindicación e ve necesario artellar canto antes a mellora de comunicacións neste senso.

Saúdos.