concellos Denuncias

Os socialistas de Cenlle rexeitan o peche do centro de saúde de Barbantes Estación

O PSDEG-PSOE DE CENLLE DENUNCIA OS “RECORTES INDISCRIMINADOS” DE FEIJÓO NA SANIDADE DO MUNICIPIO CO PECHE DO CENTRO DE SAÚDE DE BARBANTES ESTACIÓN

Os socialistas afirman que dende a chegada de Feijóo ao Goberno da Xunta perdeuse un médico e recortáronse os servizos e que agora co peche do centro de saúde “dáselle outro golpe mortal a vida no rural”

O voceiro socialista en Cenlle, José Rodríguez Veloso, apunta que “este peche temporal vai ser a escusa da Xunta de Galicia para pechar definitivamente o centro de saúde de Barbantes Estación”

Cenlle, 2 de novembro de 2020. O PSdeG-PSOE de en Cenlle denuncia un novo episodio de recortes levados a cabo pola Xunta de Galicia en materia sanitaria no municipio. Os socialistas tiveron constancia a través dunha nota de prensa do Concello de que o centro de saúde de Barbantes Estación pecha debido a situación orixinada pola pandemia da COVID-19 e que tan só se atendería as citas médicas no centro de saúde de Cenlle. Unha situación que segundo os socialistas “prexudica” a centos de veciños e veciñas do municipio, “que xa teñen unha idade e que en moitos casos non contan con medios propios para poder desprazarse ao outro centro de saúde, cando teñen un a carón da casa”.

Dende o Grupo Municipal Socialista consideran que este “é outro golpe mortal ao rural” e culpan a Alberto Núñez Feijóo e a Consellería de Sanidade de “recortar de xeito indiscriminado” recursos médicos no rural. “Este peche do centro de saúde de Barbantes Estación vai ser a escusa para pechar definitivamente o centro”, denuncia o voceiro socialista José Rodríguez Veloso, que tamén apunta que “dende a chegada de Feijóo a Xunta todo son recortes, primeiro coa perda dunha das dúas prazas de médico e agora con isto”. Denuncia o voceiro socialista que durante o bipartito Cenlle contaba con dous médicos, pero dende xa fai uns anos e coa chegada do PP a Xunta de Galicia reduciuse a un, que ademais debe repartir as súas horas entre os dous centros médicos.

Os socialistas denuncian que está situación prexudicial para a veciñanza “está causando moito malestar” e relatan que son moitos os veciños e as veciñas “que non contan con transporte” e que “hai casos nos que deben avisar aos fillos para desprazarse”, dado que o peche en Barbantes Estación obrígaos a moverse máis de 12 quilómetros se queren recibir atención médica. O voceiro dos socialista avisa tamén que o peche temporal do centro de saúde “vai provocar colapsos e retrasos” no centro de saúde en Cenlle, ante o aumento dos pacientes.

José Rodríguez Veloso denuncia tamén que “o PP quere acabar cos servizos no rural e o que acontece en Cenlle non é máis ca unha continuación das súas políticas de recortes e desmantelamento da Sanidade Pública” e acusa aos populares de “precarizar os servizos co obxectivo de que a xente marche do rural”. O voceiro dos socialistas do municipio urxe o grupo municipal do Partido Popular “a defender a sanidade pública e a loitar contra un peche que a Xunta de Galicia leva moito tempo buscando”.