EMIGRACIÓN INICIATIVAS

A secretaría provincial de emigración informa do aumento de peticións de información por parte dos retornados

AS PETICIÓNS DE INFORMACIÓN POR PARTE DOS RETORNADOS Á SECRETARÍA PROVINCIAL DE EMIGRACIÓN DO PSDEG-PSOE DE OURENSE AUMENTARON NOS ÚLTIMOS MESES

Retornados de Galicia, Zamora, Albacete, Toledo, Almería, Málaga ou Cáceres recorreron os socialistas ourensáns para solventar dúbidas e recibir asesoramento a hora de tratar coa Axencia Tributaria

O secretario provincial de emigración dos socialistas ourensáns, Luís Gulín, sinala que “os retornados seguen expoñendo queixas sobre trato desigual por parte da Axencia Tributaria e dende a secretaría provincial de emigración asesorámolos nas súas reclamacións”

Ourense, 3 de novembro de 2020. Durante os meses de setembro e outubro a secretaria provincial de Emigración do PSdeG-PSOE de Ourense seguiu atendendo as demandas e consultas do colectivo de emigrantes retornados. A consecuencia dos vídeos informativos elaborados pola secretaría de Emigración, e colgados na plataforma Youtube, aumentaron as peticións de información máis aló de Galicia como Zamora, Albacete, Toledo, Almería, Málaga e Cáceres.

“En especial, os emigrantes retornados de Alemaña seguen expondo queixas sobre o trato desigual que reciben por parte da Axencia Tributaria no tema do recoñecemento como gastos deducibles respecto das súas achegas obrigatorias ao seguro de asistencia sanitaria e seguro de dependencia”, sinala o secretario provincial de emigración, Luís Gulín. Cada mes, o país xermano queda cun 11 por cento da súa pensión en concepto de achegas a estes dous seguros obrigatorios. A algúns a Axencia Tributaria rexéitalles o recoñecemento de gastos deducibles na declaración da renda española alegando que son instrucións da Dirección Xeral de Tributos.

A secretaría provincial de emigración do PSdeG PSOE de Ourense puido comprobar que por exemplo na Axencia Tributaria de Málaga, Asturias, Cantabria ou Cáceres se os recoñecen como gastos deducibles. As Axencias Tributarias de Almería, A Coruña e Léon mesmo rexeitan calquera recoñecemento co argumento que non son achegas obrigatorias dado que supostamente os retornados de Alemaña non perciben pensións de carácter público. Estas discrepancias de criterios foron transmitidas desde a secretaria provincial de emigración aos parlamentarios ourensáns en Madrid para solicitar información e aclaración aos responsables da Axencia Tributaria.

Tamén se conseguiu desde a secretaria provincial de emigración xestionar a exención do pago do 5 por cento da pensión alemá á Axencia Tributaria xermana a unha decena de retornados que non estaban obrigados ao pago. “Moitos por descoñecemento, e tamén por falta de información, sexa na Axencia Tributaria e nas oficinas de retornados da Xunta de Galicia, abonaban ese pago a pesar que a súa pensión única alemá ou a suma da pensión española e xermana non excedía os 9400 euros anuais”, explica Gulín.

Desde a secretaria provincial de emigración do PSdeG-PSOE de Ourense lémbrase unha vez máis que está a disposición dos emigrantes retornados para calquera dúbida ou queixa que teñan, contactando co correo electrónico (cp-ourense@psdeg-psoe.org)