Concello de Ourense Política municipal

A única fórmula para o cambio en Ourense é a moción de censura

O PSDEG-PSOE SALIENTA QUE “NON HAI FÓRMULA ALTERNATIVA Á MOCIÓN DE CENSURA” PARA DEVOLVER OURENSE Á NORMALIDADE E SALIENTA QUE ESTÁ ABERTO A DIALOGAR SOBRE UN GUIÓN CLARO

Os socialistas manifestan a “improcedencia de reunións sorpresa, adiviñanzas e golpes de efecto mediáticos na seriedade das circunstancias municipais actuais”

Convidan a Cs a “avanzar cara unha moción de censura e a participar no diálogo que forxará un novo xeito de gobernar e un programa realista para o mandato, brindando un goberno útil á Ourense”

Ourense, 9 de novembro de 2020. O PSdeG-PSOE expresa a “improcedencia de reunións sorpresa, adiviñanzas e golpes de efecto mediáticos” ante as “preocupantes circunstancias municipais actuais”, e salienta que “non hai fórmula alternativa á moción de censura” impulsada a pasada semana para retirar ao microgoberno de Pérez Jácome do Concello de Ourense.

Os nove concelleiros e concelleiras do PSdeG na terceira cidade de Galicia, conscientes da “urxencia de proporcionar un goberno serio e solvente”, así como das “manobras dilatorias” e da “ausencia de propostas” do PP, presentaron e asinaron unha moción de censura ante notario o 5 de novembro, solicitando as sinaturas do resto de edís da corporación local.

Ao día seguinte, o voceiro municipal, Rafa Villarino, recibiu o convite do voceiro municipal de Ciudadanos para unha nova reunión no Liceo hoxe luns, mais José Araújo non quixo avanzar a proposta e os asuntos a tratar na xuntanza. “Agradecendo a invitación, consideramos que xa non é momento de reunións sorpresa e si de accións concretas para rescatar de inmediato ao goberno municipal”, insisten os socialistas.

Desde o PSdeG-PSOE aseguran que Ciudadanos “debe decidir se quere ser útil para Ourense facilitando o cambio e apoiando a moción, ou se prefire seguir enredados en titulares baleiros”, abandonando a “filosofía de rexeneración para converterse nun apéndice do baltarismo e do PP”.

“Convidamos a Ciudadanos a avanzar cara unha moción de censura e a participar no diálogo que forxará un novo xeito de gobernar e un programa realista para o resto do mandato”,co fin primordial de “darlle un goberno útil á cidade”, insisten antes de concluír recordando que “a cidadanía de Ourense merece respecto e un goberno mellor”.