concellos Denuncias

Os Socialistas de Castrelo presentan recurso contra a constitución do goberno municipal con tránsfugas

O xulgado contencioso-adminitrativo de Ourense admite a trámite o recurso dos socialistas de Castrelo de Miño contra a resolución do pleno de constitución de goberno de agosto

A voceira socialista, Catalina González, destaca que “dous tránsfugas están ostentando cargos de tenencia de alcaldía e varias concellerías e onde un percibe un salario anual de 23.000 euros e o outro asistencias pos xuntas de goberno, que tampouco podería percibir”

Castrelo de Miño, 16 de novembro de 2020. Na rolda de prensa os socialistas anunciaron que o pasado 30 de outubro, a voceira en Castrelo de Miño, Catalina González Álvarez, presentou un recurso no xulgado contencioso-administrativo de Ourense contra a resolución do pleno de constitución do goberno municipal que se celebrou posterior a moción de censura. A voceira dos socialistas indican que se basearon nunha sentenza que se ditou nunha localidade valenciana, “unha sentenza firme, unha sentenza doutrinal e que moi posiblemente no sucesivo, se sigue habendo sentenzas semellares, acabe sembrando xurisprudencia”.

A devandita sentenza o que declara é que os tránsfugas non poden asumir novos cargos, nin ter retribucións diferentes, xa que en ningún caso pode supoñer unha mellora nas condicións tanto políticas como económicas. Situación que aconteceu en Castrelo, onde tal e como apunta González Álvarez, “dous tránsfugas están ostentando cargos de tenencia de alcaldía e varias concellerías e onde un percibe un salario anual de 23.000 euros e o outro asistencias pos xuntas de goberno, que tampouco podería percibir”.

Por este motivo, os socialistas de Castrelo de Miño presentaron o recurso e sinalan que a función da oposición “é o control do órgano de goberno, polo que non podemos permitir que en Castrelo se cometa esta ilegalidade”. Catalina González apunta tamén a que o alcalde do Partido Popular, Avelino Pazos, “non actúa de oficio, que si podería e por esta razón vímonos na obriga de presentar esta demanda, xa que o transfuguismo implica unha alteración ou falseamento da representación política e supón unha actuación desleal cara a vontade que os veciños manifestaron co seu voto”.

A voceira socialista rematou afirmando que “nesta provincia é moi común o transfuguismo da man de Baltar” e subliñou que o que se pretende con esta demanda “é que a xustiza se materialice, que o alcalde a acate e que non se volva dar nunca máis esta práctica no noso concello e sirva para dotar aos concellos de ferramentas para rematar con esta lacra, que o único que fai e desvirtuar a política e os que nos dedicamos a ela”.