Denuncias POLÍTICA PROVINCIAL

Baltar debe cumprir co pacto antitransfuguismo e deixar de apoiarse en tránsfugas

O PSDEG-PSOE DE OURENSE ESÍXELLE A BALTAR QUE CUMPRA CO PACTO ANTITRANSFUGUISMO E DEIXE DE APOIARSE EN TRÁNSFUGAS PARA MANTER O GOBERNO NA DEPUTACIÓN E NO CONCELLO DE CASTRELO DE MIÑO

Os socialistas de Castrelo presentaron un recurso contencioso contra a resolución ditada polo pleno do Concello de Castrelo de Miño trala moción de censura, que foi adoptado polo xulgado

“O PP de Ourense debe decidir se está contra o transfuguismo como o PP nacional ou se se apoia en tránsfugas para sustentar gobernos como está facendo na provincia”, apuntan dende o PSdeG ourensán

Ourense, 16 de novembro de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense celebrou esta mañá unha rolda de prensa para esixirlle ao presidente do Partido Popular de Ourense, José Manuel Baltar, que cumpra co pacto antitransfuguismo e deixe de apoiarse en tránsfugas para manter o goberno na Deputación e nos concellos de Castrelo de Miño e Viana do Bolo. Na comparecencia estiveron presentes o secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino; o deputado autonómico e secretario de organización, Juan Carlos Francisco; e a voceira socialistas en Castrelo de Miño, Catalina González, que presentou o pasado 30 de outubro un recurso no xulgado contencioso-administrativo de Ourense contra a resolución do pleno de constitución de goberno que se celebrou a posteriori da moción de censura na localidade do Ribeiro.

Os socialistas ourensáns lembraron que o PSOE presentou unha iniciativa política ligada a condena do transfuguismo político a finais do mes de outubro no Congreso dos Deputados. A pasada semana reuniuse a mesa do pacto antitransfuguismo da que forman parte o Partido Popular, o PSOE e varias forzas políticas do arco parlamentario. En devandita reunión acordouse unha nova lenda ao pacto, que é a definición de tránsfuga que é aquel que presentándose por determinado partido, acaba condicionando o seu partido e favorecendo o seu opositor.

“Esta definición coincide perfectamente co que acontece en Ourense onde Miguel Caride, apoia o goberno do PP na Deputación e encaixa tamén cos concelleiros que apoiaron as mocións de censura en Castrelo de Miño e Viana do Bolo”, explica Juan Carlos Francisco, que tamén apunta que “trátase de concelleiros que secuestraron a vontade democrática dos cidadáns e apoiando a outra formación para facerse coa alcaldía coma en Castrelo de Miño ou incluso facéndose coa alcaldía, como acontece en Viana do Bolo”.

O secretario de organización dos socialistas ourensáns e deputado autonómico pediulle o Partido Popular de Ourense que “condene os pactos asinados en Castrelo de Miño e Viana do Bolo e que se absteña de empregar a un tránsfuga para manter o goberno na Deputación”. Neste senso, Juan Carlos Francisco, tamén manifestou que “o PP de Ourense non pode emendar ao PP nacional, ou unha de dúas, ou está contra o trnasfuguismo como así está o PP nacional e o amosa mediante a firma na mesa do pacto ou está a outra cosa como acontece en Ourense”. Francisco tamén convidou os populares ourensans a que asuman “os principios máis elementais da democracia, que condenen o transfuguismo e que se absteñan de empregar tránsfugas para gañar alcaldías e manter o goberno na Deputación de Ourense”.

Pola súa banda, o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, subliñou que Baltar “debe responder se vai permitir que se manteñan estes gobernos antidemocráticos, ilexítimos e contrarios ao pacto antitransfuguismo” e apunta tamén que estes pactos van contra a lei “xa que son contrarios a norma que di que esas persoas non poden ter cargos superiores aos anteriores nin retribucións distintas as que tiñan cando formaban parte da formación pola que se presentaron”. Os socialistas condenan estas prácticas na que o PP permitiu e motivou mocións de censura con tránsfugas contra os gobernos lexítimos e democráticos elixidos pola veciñanza.

“O Partido Popular de Ourense terá que dicir se é distinto o PP no estado e dicir tamén ata onde quere chegar coa súa política de tránsfugas”, apuntou Villarino antes de afirmar que os socialistas “seguiremos loitando pola democratización da vida na e que a clase política sexa útil e non empregue a poboación para os seus fins”. O líder dos socialistas ourensáns tamén sinalou que o PSdeG-PSOE de Ourense “sempre avogamos porque Ourense fora unha provincia democrática, afastada do caciquismo e a discriminación dos concellos, que se fai cunha política na que se buscan tránsfugas, persoas que cambian de formación ou ideoloxía simplemente cun obxectivo que é conseguir o poder a calquera custe”.

Admitida a trámite o recurso dos socialistas de Castrelo de Miño contra a resolución do pleno de constitución de goberno de agosto

Na rolda de prensa os socialistas tamén anunciaron que o pasado 30 de outubro, a voceira en Castrelo de Miño, Catalina González Álvarez, presentou un recurso no xulgado contencioso-administrativo de Ourense contra a resolución do pleno de constitución do goberno municipal que se celebrou posterior a moción de censura. A voceira dos socialistas indican que se basearon nunha sentenza que se ditou nunha localidade valenciana, “unha sentenza firme, unha sentenza doutrinal e que moi posiblemente no sucesivo, se sigue habendo sentenzas semellares, acabe sembrando xurisprudencia”.

A devandita sentenza o que declara é que os tránsfugas non poden asumir novos cargos, nin ter retribucións diferentes, xa que en ningún caso pode supoñer unha mellora nas condicións tanto políticas como económicas. Situación que aconteceu en Castrelo, onde tal e como apunta González Álvarez, “dous tránsfugas están ostentando cargos de tenencia de alcaldía e varias concellerías e onde un percibe un salario anual de 23.000 euros e o outro asistencias pos xuntas de goberno, que tampouco podería percibir”.

Por este motivo, os socialistas de Castrelo de Miño presentaron o recurso e sinalan que a función da oposición “é o control do órgano de goberno, polo que non podemos permitir que en Castrelo se cometa esta ilegalidade”. Catalina González apunta tamén a que o alcalde do Partido Popular, Avelino Pazos, “non actúa de oficio, que si podería e por esta razón vímonos na obriga de presentar esta demanda, xa que o transfuguismo implica unha alteración ou falseamento da representación política e supón unha actuación desleal cara a vontade que os veciños manifestaron co seu voto”.

A voceira socialista rematou afirmando que “nesta provincia é moi común o transfuguismo da man de Baltar” e subliñou que o que se pretende con esta demanda “é que a xustiza se materialice, que o alcalde a acate e que non se volva dar nunca máis esta práctica no noso concello e sirva para dotar aos concellos de ferramentas para rematar con esta lacra, que o único que fai e desvirtuar a política e os que nos dedicamos a ela”.