concellos INICIATIVAS

As socialistas de Punxín esixen a renovación da rede de abastecemento de auga para rematar coas fugas

O PSDEG-PSOE DE PUNXÍN INSTA A RENOVACIÓN DA REDE DE ABASTECEMENTO DE AUGA PARA REMATAR COAS FUGAS E PERDAS EXISTENTES NA ACTUAL REDE DE SUBMINISTRO

As socialistas reclámanlle ó concello de Punxín que realice un informe da necesidade da renovación da rede de saneamento existente no municipio da que din que “está obsoleta”

A voceira do PSdeG no municipio, Lorena Peleteiro, salienta que “o 200% da auga que se bombea en Punxín pérdese como consecuencia de fugas e escapes”

Punxín, 24 de novembro de 2020. O PSdeG-PSOE de Punxín levará o pleno deste xoves unha moción na que insta á renovación da rede de abastecemento de auga para rematar coas fugas e perdas. As socialistas reclámanlle ó concello de Punxín que realice un informe da necesidade da renovación da rede de saneamento existente no municipio da que din que “está obsoleta” e piden que tendo en conta os resultados deste informe, se inste a Augas de Galicia e á Xunta de Galicia á aportación dos fondos precisos para a renovación da rede de saneamento.

A problemática da auga é unha constante no municipio de Punxín nos últimos anos. As socialistas culpan o grupo de goberno de “desleixo” e acúsanos de “como moitas outras cosas, non ser capaces de dar solución a veciñanza, deixando clara, novamente, a súa nefasta xestión ao fronte deste Concello”. Apuntan tamén dende o Grupo Municipal Socialista apuntan que “somos moi conscientes da capacidade do concello, así como de que para a renovación da rede é preciso contar con outras administracións” e apuntan a que “tamén somos conscientes da necesidade de traballar para que estas administracións invistan no noso Concello, traballo que parece que o grupo de goberno non é capaz de levar adiante”.

A voceira socialista en Punxín, Lorena Peleteiro, salienta que “un 200% da auga que se bombea, pérdese como consecuencia de fugas e escapes, o que supón ademais un gran custo para as arcas municipais, que como non, afecta directamente aos veciños e veciñas do noso municipio”. Peleteiro tamén apunta a que “é preciso traballar en políticas de concienciación para un consumo sostible, e por suposto, para evitar as perdas de auga”. Acusa tamén o grupo de goberno municipal conformado por Partido Popular e Ciudadanos de “non traballar polo municipio, nin facer presión ante as administracións pertinentes para que o concello teña uns servizos dignos e acordes aos tempos que corren”.

As socialistas tamén fan fincapé en que “é evidente” que a auga é o elemento “imprescindible” para a vida no planeta. Debido a este motivo salientan que “é importante garantir a súa dispoñibilidade presente e futura en cantidade e calidade suficiente”.  Peleteiro subliña que “este uso debe ser compatible co medio ambiente, xa que os ríos, lagos ou acuíferos tamén realizan unha función biolóxica e medioambiental importante” e apunta a que “isto só pode conseguirse cun uso eficiente da auga, máxime no actual escenario de cambio climático, cuxo efecto máis importante é a diminución das precipitacións”.

As socialistas presentan outras dúas mocións de cara o pleno. Unha delas na que solicitan a devolución da taxa de sumidoiro de 2019, na que denunciaron fai unhas semanas que había un “desfalco” entre os cobros pola devandita taxa e o gasto deste mesmo servizo de máis de 20.000 euros no ano 2019. Ante esta situación, as concelleiras socialistas presentaron esta moción para solicitarlle o consistorio que devolva á veciñanza os importes cobrados por un servizo que segundo afirman “non se prestou”. No pleno, o Grupo Municipal Socialista tamén defenderá unha moción con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.