INICIATIVAS Socialistas

Conversamos con Miquel Iceta sobre a relevancia do socialismo nas nacionalidades históricas

MIQUEL ICETA PARTICIPA NUN GRAN ENCONTRO DIXITAL CO PSDEG-PSOE DE OURENSE PARA PÓR DE RELEVO O VALOR DO SOCIALISMO NO CONTEXTO DAS NACIONALIDADES HISTÓRICAS

O primeiro secretario dos socialistas cataláns interrompeu a súa axenda de precampaña para falar das sinerxías entre Galicia e Cataluña, nun encontro organizado polos socialistas de Ourense

Rafa Villarino destacou de Iceta que é unha persoa “que leva a palabra ‘acordo’ nos beizos”, e Gonzalo Caballero agradeceulle “a dispoñibilidade para estar en contacto cos socialistas galegos”

Ourense, 16 de decembro de 2020. O primeiro secretario dos socialistas cataláns e candidato do PSC á Generalitat, Miquel Iceta, participou este serán nun gran encontro dixital co PSdeG-PSOE de Ourense para conversar sobre o valor do socialismo no contexto das nacionalidades históricas. Nesta xuntanza, que serviu para pór de relevo as sinerxías entre a realidade galega e a catalá, tamén estiveron presentes o voceiro do grupo socialista municipal e secretario provincial do partido en Ourense, Rafa Villarino, así como o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, que coincidiron en destacar a “xenerosidade” de Iceta ao interromper a súa axenda de precampaña para compartir reflexións con preto dun cento de socialistas ourensáns.

Villarino fixo fincapé na longa traxectoria e relevancia de Iceta no PSC e destacou de forma especial o seu talante para chegar a acordos. “É unha persoa que leva a palabra ‘acordo’ nos beizos”, destacou o socialista. Pola súa banda, Caballero salientou a “xenerosidade” de Iceta ao ofrecer a súa “dispoñibilidade para estar en contacto cos socialistas galegos” e puxo de relevo a importancia das nacionalidades históricas “nunha España diversa e plural”. 

Pola súa banda, Miquel Iceta falou do “cambio necesario” que precisa Cataluña e resaltou a necesidade de levalo a cabo “desde o aprecio á lingua, á cultura e á terra”, así como “fuxindo da confrontación”. Neste sentido, avogou por unha esquerda “non independentista” e por un “catalanismo aberto e integrador”.

O que fora secretario xeral, deputado por Ourense e senador, Antonio Rodríguez, pechou o acto agradecendo a Iceta que dera unha “intervención de gran altura política”, subliñou que “hai paralelismos entre o socialismo catalán e o galego” e puxo de manifesto que ambos “comparten a necesidade de igualdade, solidariedade e arraigo ao territorio”.