concellos INICIATIVAS

Os socialistas de Ribadavia esixen a construción dun parque infantil en A Franqueirán

O PSDEG-PSOE DE RIBADAVIA ESÍXELLE AO GOBERNO MUNICIPAL QUE CUMPRA CO PROMETIDO E LEVE A CABO A CONSTRUCIÓN DUN PARQUE INFANTIL NA PARROQUIA DE FRANQUEIRÁN

Os socialistas denuncian que levan un ano pelexando porque o PP leve a cabo a construción deste parque infantil nunha parroquia que conta nos últimos tempos con máis crianzas  

O voceiro socialista, Ignacio Gómez, critica que o alcalde “incumpra de xeito sistemático as súas promesas á oposición e á veciñanza” e esíxelle “compromiso coa vila de Ribadavia”

Ourense, 17 de decembro de 2020. O PSdeG-PSOE de Ribadavia levará o vindeiro pleno municipal do Concello, unha moción na que insta ao goberno municipal de Ribadavia a que se proceda, de forma “inmediata”, a construción dun parque infantil na parroquia de Franqueirán. Os socialistas lembran que levan máis dun ano pedíndolle o alcalde e o grupo de goberno do Partido Popular que cumpra co compromiso adoptado no seu día de dotar a esta parroquia dun parque infantil.

Máis dun ano despois do compromiso acadado polo alcalde para levar a cabo a construción deste parque “nada se sabe do mesmo”, motivo polo que os socialistas critican “un novo episodio de deixadez e pasotismo” do rexedor da vila, ao que tamén lle lembran que a construción deste parque foi unha das moitas condicións que o PSOE puxo sobre a mesa para aprobar os orzamentos. “A día de hoxe seguimos sen noticias do parque e non se fixo nin unha soa actuación para levar a cabo a construción do mesmo”, afirman os socialistas.

Dende o Grupo Municipal Socialista apuntan a que esta petición “non é ningún capricho” e falan de “necesidade real” tralo aumento nos últimos anos do número de nenos e nenas na parroquia de Franqueirán, o que se sumou a chegada de novas familias con crianzas e que non contan a día de hoxe con ningún parque infantil para que os cativos e cativas poidan desfrutar. “Trátase dunha demanda que nos fan chegar os pais e nais das crianzas da parroquia de Franqueirán e que dende hai máis dun ano levamos pelexando para que o Concello lles dea unha solución, pero atopámonos que coma de costume, o alcalde e o PP non compren coa veciñanza”, apunta o voceiro socialista Ignacio Gómez.

O voceiro socialista afirma que “agardamos que se leve a cabo canto antes esta actuación porque como o goberno municipal siga polo camiño de non facer caso, as crianzas de Franqueirán vanse a converter en adolescentes e quedarán sen desfrutar do parque infantil”. Por este motivo, os socialistas instan ao grupo de goberno a actuar coa maior axilidade posible para levar a cabo esta actuación “primordial para a veciñanza de Franqueirán”.

Os socialistas lembran tamén que o longo de diversas lexislaturas, e nomeadamente da lexislatura pasada, fíxose unha “aposta clara” por implantar e reformar os distintos parques infantís tanto das parroquias como da propia capital do Concello. Sen ir máis lonxe, na última lexislatura reformáronse e practicamente se fixeron de novo tres parques infantís en Francelos, Sampaio e San Cristovo, o que se sumou a reforma do parque dos Xardinillos ou a actuación no parque da Alameda, que se dotou de baños públicos e de xogos para persoas con discapacidade. Tamén neste mesmo período se colocou unha nova tirolina na zona da Veronza e se construí un parque de adestramento e desfrute de cans.

Un esforzo que o voceiro socialista, Ignacio Gómez, considera que “foi vital para o devir das crianzas de Ribadavia, xa que se tratou da aposta máis importante dos últimos anos por acondicionar e construír parques infantís”. Gómez tamén remarca que “agora toca acometer reformas nos parques xa construídos e apostar por novos parques en ubicacións como Franqueirán”.