Concello de Ourense INFRAESTRUCTURAS

Denunciamos o “despilfarro” de Jácome en escaleiras mecánicas “inviables”

O PSDEG-PSOE DENUNCIA O “DESPILFARRO” DE JÁCOME EN ESCALEIRAS MECÁNICAS “INVIABLES” E SOLICITA “PARALIZAR” UN PROXECTO QUE RESPONDE A OUTRO “ARREBATO” DO ALCALDE

Os socialistas advirten de que o “único plan de mobilidade” que ten Jácome é “encher Ourense de mamotretos mecánicos” cun mantemento “inviable” que podería chegar a “hipotecar a cidade”

Villarino denuncia que medio millón de euros xa “voou” das arcas municipais pola “febre das escaleiras mecánicas”, posto que o alcalde encargou a redacción dos proxectos a “técnicos alleos ao Concello”

Ourense, 17 de decembro de 2020. O PSdeG-PSOE no Concello de Ourense vén de denunciar o “despilfarro total” de cartos públicos que Jácome pretende destinar a escaleiras e rampas mecánicas para a cidade, ao tempo que solicita a “paralización inmediata” dun proxecto que carece de “informes de viabilidade” e que advirten, “podería hipotecar a cidade” de levarse a cabo.

Os socialistas denuncian esta situación despois de que o alcalde anunciara, a través das súas redes sociais, a súa intención de instalar rampas mecánicas na rúa Concordia, un proxecto “inviable e cun impacto visual tremendo” que ademais, “agocha outras irregularidades”, como destacou a vicevoceira do grupo, Natalia González. “Trátase dun proxecto presupostado en tres millóns de euros que non se vai poder facer porque a rúa é de titularidade autonómica”, un aspecto do que a socialista descoñece “se o alcalde está ao tanto”.

Ademais, González explicou que o proxecto da rúa Concordia “incumpre a normativa de accesibilidade e afecta negativamente aos comerciantes”, ao tempo que sinalou que se leva a cabo “do lado esquerdo” para evitar a posible afectación na zona do Plan Especial de Rehabilitación do Casco Histórico de Ourense. “O que esconde esta actuación é que non hai informes nin de viabilidade nin dos custes de mantemento”, subliñou a socialista, que puntualizou que, se ben os socialistas non se opoñen á colocación de aparellos mecánicos “para favorecer a accesibilidade”, están en contra de “encher a cidade de mamotretos” sen contar con “estudos de viabilidade e mantemento”.

A socialista sinalou que esta actuación, englobada no proxecto ‘Ourense Vertical’, contemplaba nun inicio “sete novos elementos mecánicos”, mentres que as intervencións previstas polo alcalde neste momento “xa superan as dez”, e advertiu que, mentres que o custo da obra estaría preto dos “20 millóns de euros”, o seu mantemento anual superaría os “catro millóns”. É dicir, a obra custaría “unha quinta parte do remanente de tesouraría herdado por este goberno municipal”, que chegaba aos 100 millóns de euros, e o seu mantemento esgotaría a capacidade de investimento do Concello. E advertiu do perigo de que se chegue a “recortar a partida de protección social” dos veciños e veciñas de Ourense polo “capricho” de Jácome “de encher Ourense de escaleiras mecánicas” que “nun futuro poderían quedar abandonadas ou ser foco de vandalismo”.

“Medio millón xa voou pola febre das escaleiras mecánicas”

Pola súa banda, o voceiro do grupo municipal socialista no Concello, Rafa Villarino, cualificou de “arrebato” o proxecto e lamentou que medio millón de euros xa “voou” das arcas públicas pola “febre das escaleiras mecánicas”. Neste sentido, o socialista puxo de manifesto que “pasada a ocorrencia dos rañaceos e das piscinas” Jácome “retoma o que é a febre das escaleiras mecánicas”, unhas escaleiras que “hipotecarían, se fora o caso, esta cidade”.

Villarino sinalou que Jácome recorreu á adxudicación deliberada da redacción dos proxectos a “técnicos alleos ao Concello” a sabendas de que en moitos casos son “inviables”, algo que os técnicos municipais se encargarían de sinalar. O socialista manifestou que, “ante esta situación”, o alcalde recorre a “contratos menores” que xa suman un importe aproximado de medio millón de euros e que “ninguén vai devolver ás arcas públicas”. A este respecto, Rafa Villarino fixo un chamamento á “seriedade” e a “deter a sangría de fondos públicos” de Jácome.