Deputación de Ourense INICIATIVAS

Baltar négase a devolver o respecto institucional á Deputación de Ourense

BALTAR NÉGASE A DEVOLVER O RESPECTO INSTITUCIONAL E A SUPRIMIR A DERIVA DEMAGÓXICA NA QUE SUMIU Á DEPUTACIÓN DE OURENSE INCUMPRINDO O SEU PROPIO CÓDIGO ÉTICO

Os deputados e deputadas do grupo socialista participaron na sesión desde o salón de plenos do Pazo Provincial, para mostrar o seu desacordo pola imposición de plenos integralmente telemáticos

Ourense, 18 de decembro de 2020. Manuel Baltar négase a devolver o “respecto institucional” e a suprimir a “deriva demagóxica” na que sumiu á Deputación de Ourense ao longo dos últimos anos, incumprindo deliberada e reiteradamente o código ético que redactou, segundo el mesmo dixo, do seu puño e letra. O goberno provincial do PP votou no pleno de hoxe en contra dunha iniciativa socialista para rematar con esta situación que afecta negativamente á propia institución que representa.

O vicevoceiro do PSdeG-PSOE, Nacho Gómez, destacou que este problema “non é unha cuestión que deberíamos estar discutindo neste século” porque  é “obvio” que “o respecto e as boas formas deben rexer as institucións”, pero ao PP “non lle interesa” porque vive instalado na “máxima” de “facerlle oposición á oposición”. “Aquí utilizan a institución e os cartos públicos para atacar á oposición” indicou o deputado antes de advertir que “non se trata dunha cuestión persoal” contra o actual portavoz socialista, xa que “esta forma inaceptable e recorrente de facer política” póñena en práctica “sexa quen sexa a portavoz ou o portavoz”, atacado “dunha forma indigna”.

“Esta é unha táctica envolvente do goberno provincial, empezando co uso do rodillo parlamentario para aprobar o que lles da a gana, para logo usar a propia institución como altavoz desas teimas”, sinalou Gómez. O vicevoceiro do PSdeG-PSOE recordou como o grupo de goberno de Baltar impulsou a reprobación de Alfredo García, que fora portavoz do grupo socialista provincial, cunha iniciativa que logo foi tombada pola xustiza. Tamén lembrou como el mesmo foi reprobado no pasado, ao igual que Rafael Rodríguez Villarino no presente mandato.

Gómez insistiu en que “non son tolerables estas faltas de respecto ás persoas e ás institucións” polo “mero feito de facer o seu traballo”, mediante unhas “actitudes impropias dalgúns membros do goberno de Baltar” que incumpren o código ético da Deputación.

Logo da intervención do voceiro do BNG, Bernardo Varela, que adicou o seu tempo a criticar aos socialistas no lugar de cuestionar estas “prácticas abusivas” que os propios voceiros nacionalistas sufriron, o PSdeG-PSOE tamén cuestionou a “morneza” dos nacionalistas ante esta forma de actuar do goberno provincial.

O grupo socialista, no salón de plenos

Os deputados e deputadas do grupo provincial socialista da Deputación de Ourense participaron na sesión plenaria de hoxe, que foi convocada exclusivamente de xeito telemático, desde o salón de plenos do Pazo Provincial. Con este feito mostraron o seu desacordo pola imposición destes plenos integralmente telemáticos, a pesar de que os datos da evolución da pandemia e da presión hospitalaria en Ourense, son agora moito mellores que cando o presidente, Manuel Baltar convocou plenos que si se celebraron de forma presencial.

Os membros do PSdeG-PSOE estiveron no salón de plenos cumprindo a normativa vixente en todo momento, con máscaras e distancia de seguridade, e conectáronse á sesión telemáticamente cos seus equipos informáticos a través dun punto wifi traído ao lugar polos socialistas.

Igualmente recordaron que os membros do goberno provincial do PP ou da Deputación estiveron durante esta sesión nos seus despachos ou en salas de reunións do mesmo edificio, usando medios públicos para acceder á sesión.