concellos Denuncias

Os socialistas de Cenlle denuncian irregularidades na construción dunhas beirarrúas

O PSDEG-PSOE DE CENLLE DENUNCIA QUE AS BEIRARRÚAS QUE SE ESTÁN CONSTRUINDO NAS VIVENDAS QUE A XUNTA ESTÁ LEVANDO A CABO NO MUNICIPIO “NON COMPREN AS NORMATIVAS”

Os socialistas anuncian que preguntarán pola situación destas beirarrúas tanto no Parlamento galego coma na Deputación de Ourense, titular da estrada na que se localizan as beirarrúas

O voceiro socialista, José Rodríguez Veloso, critica a actuación nas beirarrúas e apunta a que “se trata dunha auténtica chapuza que invade a estrada e non respecta as medidas nin as normativas”

Ourense, 17 de decembro de 2020. O PSdeG-PSOE de Cenlle denuncia a situación que se vive no municipio en relación ás obras de construción das beirarrúas a carón das vivendas públicas que a Xunta de Galicia está levando a cabo no municipio. Os socialistas critican que as beirarrúas “non compren coas normativas” e afirman que se trata dunha “nova chapuza” do Partido Popular en Cenlle, que opta por construír unhas beirarrúas que invaden a estrada e que non deixan distancia de seguridade coa mesma.

Dende o Grupo Municipal Socialista manifestan que xa se puxeron en contacto cos representantes políticos do PSdeG-PSOE de Ourense no Parlamento de Galicia, para solicitar os informes sobre a construción destas beirarrúas para que o Partido Popular dea explicacións sobre esta construción. Do mesmo xeito, os socialistas trasladaron aos deputados provinciais a situación en Cenlle para que tamén rexistren na Deputación de Ourense, que é a titular da estrada que circula a carón das beirarrúas, unha solicitude de información sobre estas obras e o proxecto.

O voceiro do PSdeG en Cenlle, José Rodrígyuez Veloso, critica a actuación nas beirarrúas e apunta que “se trata dunha auténtica chapuza que invade unha estrada, que pon en perigo a seguridade vial e que non respecta as normativas, invadindo a calzada tanto cara a estrada como cara o interior”. Destaca Veloso, que na zona se atopa unha segunda casa consistorial, que nestes intres non se usa, e na que tal e como manifesta “apréciase que as beirarrúas tamén invaden o espazo deste recinto”. O voceiro socialista tamén remarca que as “beirarrúas deben seguir unhas liñas e non un trazado que se desvía e varía, sen seguir os canóns habituais para este tipo de construción”.

Para os socialistas, esta actuación “é unha chapuza máis do PP en Cenlle”, o que acusan de “traballar para o seu beneficio persoal e de non pensar nas necesidades reais da veciñanza de Cenlle”. Os socialistas agardan que se poña solución a “chapuza” a maior brevidade posible para non por en risco a seguridade vial e dos peóns nesta zona.