Deputación de Ourense INICIATIVAS

O PSOE logra que a Deputación aprobe por unanimidade arranxar a ponte do Bolo pechada tras unha enchente

A DEPUTACIÓN DE OURENSE APROBA UNHA INICIATIVA DO PSDEG-PSOE PARA IMPULSAR A REFORMA DUNHA PONTE DO MUNCIPIO DO BOLO, PECHADA TRAS UNHA ENCHENTE QUE CORTOU A CONEXIÓN ENTRE BARXA E SEIXO

“Na zona de Valdeorras a situación é tremenda e o rural está desaparecendo” e “vostedes como responsables desta institución provincial están contribuíndo a esta inanición do rural”, advertiu o deputado, Aurentino Alonso

Ourense, 18 de decembro de 2020. O PSdeG-PSOE impulsou na sesión plenaria do mes de decembro, unha moción na que reclamaba “auxilio inmediato” da Deputación de Ourense e da Xunta para rescatar á veciñanza do municipio do Bolo, illada desde hai un ano por unha enchente do río Xares. Esta situación foi denunciada polos socialistas semanas antes do pleno.

O deputado, Aurentino Alonso, aseverou que “por desgraza, na comarca de Valdeorras non temos autovías e temos que circular por unha rede de estradas provinciais vella e totalmente obsoleta”, unha situación que “desde o goberno da Deputación non están por cambiar para modernizala” e “simplemente pretenden parchealas”. “Poderían tardar moitos séculos para arranxar a desfeita nestas estradas”, advertiu, polo que instou ao executivo do PP a facer un “plan integral” de investimentos para estas vías, como fan nas outras deputacións galegas “no lugar de aprobar ‘plans persoais’ en función de que persoa veña pedir a obra” aos despachos do Pazo Provincial.

“Na zona de Valdeorras a situación é tremenda e o rural está desaparecendo” e “vostedes como responsables desta institución provincial están contribuíndo a esta inanición do rural”, denunciou o deputado Alonso antes de reclamar “dotación suficiente para que os concellos ourensáns podían arranxar esta situación” nas vías que emprega a súa veciñanza.  

Pleno telemático de decembro da Deputación

A iniciativa foi finalmente aprobada por unanimidade de todos os partidos políticos da corporación, ao ser retirada unha emenda coa que o PP pretendía usurpar a iniciativa para arranxar esta ponte que une as localidades de Barxa e Seixo, aprobando unha emenda que só engadía á proposta do PSdeG-PSOE as palabras “Concello do Bolo”. Finalmente, os populares presentaron unha emenda in voce para matizar que as propostas de acordo refírense aos grupos políticos con representación na Deputación Provincial.

Este foi o texto finalmente aprobado:

Solicitamos da Deputación que impulse a creación dunha comisión representativa entre as administracións (Xunta de Galicia, Confederación Hidrográfica, Deputación Provincial e Concello do Bolo), con representación dos partidos políticos con representación na Deputación Provincial, para buscar solucións para reconstrucción da ponte sobre o río Xares, que une as localidades da Barxa e Seixo no Concello do Bolo.