concellos Denuncias

Os socialistas de Maceda esíxenlle ao alcalde que pida desculpas por saltar as normas sanitarias

O PSDEG-PSOE E COMPROMISO POR MACEDA LAMENTAN QUE O ALCALDE SE NEGUE A DAR EXPLICACIÓNS SOBRE A FESTA DE CUMPREANOS QUE ORGANIZOU INCUMPRINDO AS NORMAS SANITARIAS

Os socialistas e nacionalistas esíxenlle ao alcalde que “pida desculpas de xeito inmediato e admita o seu erro tal e como lle esixe o pobo de Maceda”

Maceda, 18 de decembro de 2020. O PSdeG-PSOE de Maceda e Compromiso por Maceda lamentan que no pleno do Concello de Maceda celebrado na tarde de onte, o alcalde da vila, o popular Rubén Quintas, se negara a dar explicacións adecuadas sobre a festa de cumpreanos celebrada a principios de novembro na que o rexedor e os seus invitados saltaron as normas de cumprimento obrigatorio fixadas na orde do 4 de novembro de 2020  pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia., publicada no DOG nº 223.Bis do 4 de novembro pasado.

Ambos partidos da oposición explican que o alcalde “limitouse a asegurar que esa festa celebrouse sen incorrer en ningunha irregularidade porque non se excedeu o aforo que se lle permite ó restaurante” nesa orde do 4 de novembro e “negouse a que se discutira e refutara a súa afirmación coa desculpa de que estabamos no apartado de rogos e preguntas”.

Tanto PSdeG como Compromiso por Maceda denuncian que o rexedor “negouse a dar explicacións, a admitir a equivocación e a pedir desculpas, como moitas veciñas e veciños esperabamos que fixera”. Os dous partidos da oposición destacan que o alcalde tan só se “limitou a dicir que non tiña porque dar explicacións dunha festa privada na que non se saltou ningunha norma, cando está moi claro que nesa orde, na páx. 43989, fai unha limitación da permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados a un máximo de seis persoas e só permite excepcións ó limite de 6 persoas no caso de velorios, enterros e celebracións con motivo de cerimonias relixiosas ou civís”.

Dende a oposición lémbranlle o alcalde que “non debería ter estado nunca nunha festa desas características aínda no suposto de que estivera permitido facela por estar en contradición co “sentidiño” que nos pide a Consellería de Sanidade e o propio alcalde”. PSdeG e Compromiso por Maceda finalizan o comunicado afirmando que “o pobo de Maceda  esíxelle ó señor alcalde que admita o seu erro e pida as desculpas necesarias”.