Denuncias INFRAESTRUCTURAS

Denunciamos o «estado de abandono» do acceso e aparcadoiro do novo arquivo provincial por parte do Concello

O PSDEG-PSOE DENUNCIA O “ESTADO DE ABANDONO” DO ACCESO AO NOVO ARQUIVO PROVINCIAL E PÍDELLE A JÁCOME QUE CUMPRA COA SÚA “ÚNICA OBRIGA” NO COMPLEXO DE SAN FRANCISCO

Os socialistas lamentan que tanto o acceso como o aparcadoiro están “ateigados de fochancas” que supoñen un elemento de perigosidade, “deslocen” un edificio de referencia e amosan o “desleixo” de Jácome

Pregúntanse “onde quedou” o proxecto de 1,6 millóns de euros para o Museo de San Francisco que a Xunta e Jesús Vázquez anunciaran “aos catro ventos” e que a día de hoxe “está pechado nun caixón”

Ourense, 21 de decembro de 2020. O PSdeG-PSOE denuncia o “estado de abandono” do acceso ao novo Arquivo Histórico Provincial e lamenta que o Concello non cumpra coa súa “única obriga” de arranxar o perímetro do complexo de San Francisco. Os socialistas sinalan que tanto o acceso como o aparcadoiro do arquivo son de xestión municipal, e critican que se atopen “ateigados de fochancas” que ademais de supoñer “un elemento de perigosidade”, “deslocen un edificio de referencia” e amosan, unha vez máis, o “desleixo” de Jácome coa cidade. Ademais, indican que a situación empeora os días de choiva, cando a auga anega os buratos e converte o aparcadoiro do AHPOU nun verdadeiro “lamazal”.  

Censuran que, mentres que o goberno central “xa cumpriu co seu compromiso” levando a cabo a obra, o Concello “non se encarga da parte que lle corresponde”. Neste sentido, pídenlle a Jácome que “faga algo” para que a nova sede do arquivo teña uns accesos e aparcadoiro “á altura” da magnitude do edificio, cuxa rehabilitación vén de ser premiada polo Colexio de Arquitectos. “Non podemos permitir que un edificio desta envergadura conte cuns accesos tan lamentables”, indican desde o grupo municipal socialista, ao tempo que urxen unha resposta inmediata por parte do goberno local.

U-lo Museo da Xunta?

Ademais, os socialistas de Ourense pregúntanse “onde quedou” o proxecto do Museo de San Francisco que a Xunta e Jesús Vázquez anunciaran “aos catro ventos” en 2016 e que semella estar “pechado nun caixón”.

Lembran que o Consello da Xunta aprobara en agosto de 2016 un investimento de 1,6 millóns de euros para levar a cabo un proxecto de museo de 2.000 metros cadrados na parcela da antiga igrexa de San Francisco que evocara o emprazamento orixinal do edificio, agora ubicado nun lateral do parque de San Lázaro.

Na presentación daquel acordo, en setembro do mesmo ano, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o conselleiro de cultura, Román Rodríguez; e o alcalde de Ourense naquel momento, Jesús Vázquez, anunciaban que o proxecto estaría listo en dous anos, e aseguraban que así se saldaba unha “débeda histórica” coa cidade de Ourense -ao dotala dun espazo museístico propio de titularidade autonómica-, ao tempo que se “pechaba un capítulo pendente desde 1929”, cando se fixera o traslado da igrexa do convento de San Francisco.  

Non obstante, segundo fontes do grupo socialista, a día de hoxe “o Concello aínda non xestionou urbanisticamente esa parcela da igrexa”, e a derradeira actuación levada a cabo a nivel municipal foi en 2012, “cando o goberno autonómico bipartito PSOE-BNG encargou as obras de cubrición dos restos arqueolóxicos”, que se rematou de executar a mediados do ano 2015.

Os socialistas tildan de “convenio pantasma” o acordo asinado entre Jesús Vázquez e a Xunta e lamentan que o goberno de Feijóo se dedique a “vender fume” con promesas electoralistas que acaban caendo “en saco roto”. Neste sentido, o PSDEG-PSOE de Ourense esíxelle ao goberno autonómico que dea información sobre o paradoiro deste proxecto e explique os motivos polos que leva catro anos paralizado.