concellos Denuncias

Os socialistas de Vilardevós denuncian que o PP non cumpre coa transparencia ao fronte do Concello

O PSDEG-PSOE DE VILARDEVÓS DENUNCIA O “TOTAL ESCURANTISMO” DO PARTIDO POPULAR NO CONCELLO QUE “OCULTA” A SÚA XESTIÓN E A INFORMACIÓN Á VECIÑANZA

Os socialistas critican que o consistorio non colgue na súa web municipal a información diaria do municipio, as actas dos plenos e “todos os requisitos legais que establece a lei de transparencia”

O voceiro do PSdeG no municipio, Julio Prada, sinala que “entrar no Concello de Vilardevós é como entrar nunha habitación a cegas” e esixe que se cumpra coa transparencia, actualizando a páxina web

Vilardevós, 22 de decembro de 2020. O PSdeG-PSOE de Vilardevós denuncia a situación de “total escurantismo” que se vive no concello da man do grupo de goberno do Partido Popular ao que acusan de “ocultar” información deliberadamente e de non cumprir cos requisitos obrigatorios no campo da transparencia. Os socialistas critican que non se colguen na páxina web municipal as actas, nin os plenos e que non se actualice a información do concello, que tal e como se pode comprobar o acceder o sitio online, leva máis dun ano sen actualizarse con novidades.

Dende o Grupo Municipal Socialista afirman que a situación “é preocupante” xa que segundo explican o concello non da explicación ningunha, nin permite o acceso da veciñanza a información, o traballo e as actividades que o consistorio leva a cabo. Arestora o concello conta con dous dominios nos que se aloxan dous webs municipais, a antiga páxina que www.vilardevos.info, actualizada por última vez en xaneiro de 2019 e a nova, www.vilardevos.gal, que segundo explican os socialistas e se pode comprobar o acceder “non se actualiza dende outubro de 2019”.

Web máis recente do Concello de Vilardevós, que leva máis dun ano sen actualizarse.

Ademais de non actualizarse as novidades municipais, nas webs tampouco se pode acceder as actas nin seguir o pleno municipal, polo que a veciñanza non ten ningún tipo de información do que acontece no Concello. “Entrar no Concello de Vilardevós é como entrar nunha habitación a cegas”, sinala o voceiro do PSdeG no municipio, Julio Prada, que subliña que o Partido Popular “non da ningunha información, e non permite que se saiba nada da súa xestión ao fronte do consistorio, impedindo que prime a transparencia”.

Prada lamenta que “na era dixital e das novas tecnoloxías o concello de Vilardevós atópase no período neandertal” e fai referencia “a desconexión total” coa poboación, os emigrantes e os seus fillos, sinalando que “é moi triste que a xente de Vilardevós do municipio, e a que está fora ou son fillos de emigrantes non teñan forma de ter contacto directo co seu concello, algo que resulta impensable nunha era dixital”.

Unha situación para a que os socialistas piden “solucións inmediatas” e critican que o alcalde fale sempre de falta de persoal, cando acaba de aprobar unha dedicación exclusiva para unha das concelleiras do grupo do Partido Popular, Belén Rigüela Rodríguez, que xa cobra 18.171 euros, namentres hai ata seis vacantes de traballadores municipais sen cubrir. “As prioridades do señor Cardoso parece que son dar cartos a concelleiros do seu partido, namentres oculta deliberadamente a súa xestión á veciñanza, amosando o pouco que lle importa Vilardevós e as súas xentes”, finaliza Julio Prada.