FONDOS PÚBLICOS INFRAESTRUCTURAS

Advertimos do risco de perder a subvención para as obras da praza de abastos polo «desleixo» de Jácome

O PSDEG-PSOE ADVIRTE QUE O “DESLEIXO” DE JÁCOME COA PRAZA DE ABASTOS PODE LEVAR A “PERDER A SUBVENCIÓN DE 600.000 EUROS” E PIDE AO ALCALDE QUE DEA EXPLICACIÓNS PUBLICAMENTE

Os socialistas esixen que as obras de remodelación da praza sexan estendidas ao mercado tradicional do ‘rianxo’, co fin de pór en valor todo o núcleo histórico e dotar a zona dunha “solución integral”

Juana Ageitos recordou que á situación de “abandono” do mercado de abastos súmase a “agonía” da praza da Ponte, que Jácome prometera que abriría en 90 días e “segue pechado” ano e medio despois

Ourense, 22 de decembro de 2020. O PSdeG-PSOE vén de advertir que “o desleixo” de Jácome coa praza de abastos podería levar a “perder a subvención de 600.000 €” do proxecto “máis importante” que se está a executar en Ourense na actualidade. Neste sentido, os socialistas lamentan o “escaso interese” do alcalde na obra e pídenlle que “dea explicacións públicas”, ao tempo que manifestan o seu temor a que a obra teña que ser sufragada “desde as arcas municipais” polo “abandono” de Jácome.

Así o explicou a vicevoceira socialista, Natalia González, quen lembrou que desde o grupo municipal xa advertiran no seu momento do posible problema coas obras por causa do desaloxo dos “okupas”. “En pleno mes de decembro seguimos sen saber nada da situación de prórroga das obras”, o cal supón que a subvención de 600.000 € para a rehabilitación integral do edificio “está no aire”. Neste sentido, González dixo que os socialistas “desconfían” de que Jácome “non loite” por que “poida seguir vivo” ese diñeiro que o Ministerio está disposto a conceder ao Concello.

Por outra banda, González recriminoulle Jácome que non respondera ao requirimento que os socialistas fixeran no mes de agosto, na visita ás obras de remodelación da praza, para que se estendesen os traballos ao mercado tradicional do ‘rianxo’. “Non ten sentido rehabilitar a praza sen pór en valor todo este núcleo histórico, situado no corazón da cidade”, argumentou a socialista, quen pediu unha “solución integral” para a zona e dixo descoñecer “que foi do anuncio que fixo o alcalde en agosto desa piscina termal que estaría nos baixos da praza”. A este respecto, González pediu que o alcalde explique publicamente “por que non se pediu a modificación do proxecto” para que “se é posible, viable e se así o consideran os técnicos”, se leve a cabo a piscina termal.

A concelleira Juana Ageitos interveu para lembrar que ao “abandono” da praza de abastos, número 1, súmase a “agonía” da praza da Ponte. “Un edificio de dous millóns de euros, cunha rehabilitación exemplar e un carácter histórico moi destacado” que o alcalde dixo que estaría aberto en “90 días” e ano e medio máis tarde continúa “pechado”. Neste sentido, Ageitos anunciou que o grupo socialista presentará unha moción para que a praza “abra canto antes”.  

O voceiro socialista, Rafa Villarino, puxo de relevo que a situación da praza de abastos representa o estado de “abandono” que sofre a cidade, ao tempo que lamentou que a “falta de planificación” de Jácome desemboque na perda do “logrado ata agora”. Neste sentido, o voceiro lembrou que a obra é un proxecto do anterior goberno do PSOE e censurou o “desinterese” do actual alcalde e do PP por que puidera levarse a cabo. “O PP xa demostrou durante catro anos do que era incapaz, e resulta que o que temos á fronte do goberno municipal agora é aínda peor”, criticou Villarino antes de reivindicar a necesidade de ter un goberno socialista, e de telo “xa”.