Denuncias SOCIALISTAS OURENSÁNS NAS INSTITUCIÓNS

Denunciamos o abandono do PP co proxecto de ecobarrio da Ponte

O PSDEG-PSOE DE OURENSE DENUNCIA QUE DOUS ANOS DESPOIS O PROXECTO DO ECOBARRIO DA PONTE QUE ÍA SER REFERENTE MUNDIAL CONVERTEUSE NUN PROXECTO QUE O PP “TIROU AO LIXO”

Os socialistas denuncian que A Ponte é “a zona cero das políticas cero do Partido Popular” e piden que se “cumpra co acordado” nun proxecto de 20 millóns de euros no que só se investiu o 4,85% en dous anos

Deputados, deputadas, concelleiros e concelleiras socialistas lamentan “o desleixo e abandono” e pídenlle ao PP que traballe para “levar a cabo realidades e non proxectos que convirte en quimeras”

Ourense, 28 de decembro de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense desprazouse esta mañá ata o barrio da Ponte para denunciar o “abandono” e “desleixo” por parte de Alberto Núñez Feijóo e o Partido Popular o proxecto do ecobarrio da Ponte, que o 19 de marzo de 2018 vendeu “a bombo e plantillo” como un “referente mundial” en materia de cambio climático e enerxías renovables. Os socialistas denuncian que dous anos e medio despois a realidade é a dun proxecto que os populares “tiraron ao lixo” pois dos 20 millóns orzamentados en 2018, tan só se executaron 695.000 euros. Unha situación que empeorou cos orzamentos no 2019, no que só se consignaron 500.000 e viuse agravado cos orzamentos actuais, onde a partida diminúe aos 250.000 euros.

Ata a oficina do ecobarrio de A Ponte, a única realidade levada a cabo polo goberno da Xunta, conxuntamente coa renovación dalgún paso de peóns e o cambio dun par de luminarias, desprazáronse os concelleiros do grupo municipal socialista: Rafa Villarino, Natalia González, José Rúas, Rosa Martínez e a deputada autonómica do PSdeG, Carmen Rodríguez Dacosta, para denunciar a situación e anunciar que “pelexarán” por conseguir que se cumpla co proxecto acordado para o barrio de A Ponte e remate o “desleixo continuado” das políticas do Partido Popular con Ourense.

Os socialistas afirmaron que o barrio da Ponte é “a zona cero das políticas cero do Partido Popular”, nun barrio no que denuncian se atopa a “peor estación, a que máis contamina e a máis pequena” de todas as estacións de autobuses que se están a levar a cabo en Galicia. Sinalan tamén ao pendello provisional instalado polo Feijóo namentres se procede o derrubamento da vella estación de autobuses e por último a oficina do ecobarrio que sigue pechada un ano despois, cando ía ser o punto de referencia de información para comunidades de veciños, veciñanza e particulares.

A parlamentaria Carmen Rodríguez Dacosta foi a primeira en tomar a palabra para sinalar que “novamente nos atopamos ante un desleixo de Feijóo cara Ourense e A Ponte” cando en marzo de 2018 anunciaron un proxecto do que dicían “era pioneiro en Europa”. A deputada socialista critica que este proxecto de ecobarrio “foi botado ao lixo”, pois dous anos despois dos anuncios e as fotografías “a realidade é que Feijóo e o PP estanse a rir outra vez de Ourense”.

Un proxecto que segundo anunciou o presidente da Xunta de Galicia aproveitaría a enerxía xeotérmica para dotar de calefacción e auga quente a 31 edificios públicos da cidade e 18 de particulares e que se incorporarían iniciativas coma tecnoloxía LED, alumeado arquitectónico na Chavasqueira, sistema de control e xestión intelixente Smart City e novamente a posta en marcha da oficina do Ecobarrio. Rodríguez Dacosta critica que “esa oficina que ía dar información a veciños, comunidades de propietarios e particulares está pechada a cal e canto” e subliña que “non se pode xogar máis con esta cidade prometendo proxectos de 20 millóns de euros e 300 postos de traballo que non se levan a cabo”.

Pola súa parte, a vicevoceira municipal dos socialistas no Concello de Ourense, Natalia González, fixo fincapé tamén na oficina “pechada dende hai máis dun ano e na que se investiu medio millón de euros e que foron tirados ao lixo como se pode ver nun proxecto de 20 millóns de euros no que non se investiu nin o 5% e que nunca se vai executar, pois estaba previsto que rematase en 2021”. A concelleira socialista denunciou que o “único activo ecolóxico e a prol do medio ambiente que Feijóo trouxo a esta cidade e o barrio da Ponte foi esa estación de autobuses que convirte a rúa Eulogio Gómez Franqueira na máis contaminada do país”.

González Beneítez tamén manifestou que esta situación “é un agravio tremendo a esta cidade que non podemos deixar de denunciar pois o compromiso de Feijóo e do PP foi sempre nulo con Ourense”. A concelleira socialista criticou que “nin 20.000 millóns, nin 300 postos de traballo, nin ecobarrio, o único que trouxo Feijóo, o anterior alcalde Jesús Vázquez e o actual equipo de goberno ao barrio da Ponte, con preto de 27.000 habitantes, foi o abandono”.

Por último, o voceiro do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, explicou que o PSOE “vai defender que se cumpla a palabra dada e facer que o proxecto que se vendeu como a dianteira de Europa se faga realidade” e denunciou que arestora o ecobarrio da Ponte “non existe e é unha quimera que os socialistas vamos a tentar que se faga realidade”. O voceiro socialista tamén denunciou que “ao ritmo que leva o PP o proxecto estará rematado para 2058, xa que van a menos dun 2,5% por ano”.

Villarino tamén lembrou que na presentación na que participaron Arias Cañete, Núñez Feijóo, Jesús Vázquez ou Marisol Mouteira entre outros “non se permitiu ningunha pregunta aos xornalistas nin aos colectivos veciñais” e destacou que o PSOE “vai facer algo que non fai nin o PP da cidade nin a alcaldía actual e que é defender a Ourense, facer que Ourense teña un proxecto porque a palabra está dada e non vamos a agardar a 2058 para que sexa realidade”.