Concello de Ourense INFRAESTRUCTURAS

Os socialistas advirten de que o proxecto da praza Concepción Arenal se trata dun novo “delirio irrealizable” de Jácome

O PSDEG-PSOE TILDA O PROXECTO DA PRAZA CONCEPCIÓN ARENAL DE “DELIRIO IRREALIZABLE” E PÍDELLE A JÁCOME QUE DEIXE DE “DESPILFARRAR” DIÑEIRO PÚBLICO EN PROXECTOS INVIABLES

Os socialistas advirten que se trata dunha nova “estafa” e anticipan que terá o mesmo percorrido que tiveron os anuncios do rañaceos, do mapamundi, do parque acuático ou das piscinas infinitas

Alertan de que Jácome está a encargar estudos a través de contratos menores sabendo que “non sairán adiante”, e denuncian que o rexedor “xogue ao Monopoly” cos intereses e cos cartos da veciñanza

Ourense, 30 de decembro de 2020. O PSdeG-PSOE denuncia unha nova “estafa” aos veciños e veciñas de Ourense despois de que Jácome presentase publicamente o anteproxecto de soterramento e peonalización da Praza Concepción Arenal, unha obra que os socialistas tildan de “delirio irrealizable” e sobre a cal anticipan que terá o mesmo percorrido que tiveron outros “megaproxectos” do alcalde como foron o rañaceos, o mapamundi, o parque acuático ou as piscinas infinitas.

Os socialistas advirten que o proxecto é “totalmente inviable” dada a magnitude das obras a realizar e porque non cumpriría cos requisitos sectoriais marcados pola Dirección Xeral de Patrimonio e pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

“A proximidade da Ponte Romana e a súa contorna imposibilitan calquera actuación que poña en risco este ben de interese cultural”, alertan desde o grupo municipal socialista. Ademais, parte dos terreos afectados polo desenvolvemento da actuación “estarían en zonas de risco de inundabilidade e de restricións viarias pola proximidade dos ríos”, engaden os socialistas de Ourense.

Unha “pataca quente”

Desde o grupo municipal socialista aféanlle a Jácome que encargue estudos a través de “contratos menores” para proxectos “que sabe que non sairán adiante” e sinalan que o propio rexedor chegou a afirmar que a actuación de Concepción Arenal “non se levará a cabo neste mandato”, deixando a “pataca quente” nas mans do seguinte equipo de goberno, que “loxicamente non poderá executalo nunca”.

Así, os socialistas critican que, no pasado mes de outubro, o Concello adxudicase “por valor 18.137,90 €” o contrato para a redacción do anteproxecto de peonalización da Praza Concepción Arenal, “coa única finalidade de contentar os adxudicatarios”. Rexeitan así o que consideran un “despilfarro” de diñeiro público e pídenlle a Jácome que deixe de “xogar ao Monopoly” cos intereses e cos cartos dos veciños e veciñas de Ourense.