Denuncias POLÍTICA PROVINCIAL

Os socialistas denuncian o escurantismo na adxudicación da xestión de Manzaneda

O PSDEG-PSOE DE OURENSE DENUNCIA O “ESCURANTISMO” NA SELECCIÓN DA NOVA EMPRESA QUE XESTIONARÁ MANZANEDA SEN TER EXPERIENCIA PREVIA NO SECTOR E CREADA FAI DEZ MESES

Os socialistas sinalan que “por primeira vez na historia”, a estación de esquí estea pechada un 31 de decembro e critican a perda de “centos de miles de euros na comarca” con Manzaneda sen funcionar

Apostan por unha xestión por parte de empresas da comarca que “coñecen de primeira man as realidades de Manzaneda e que non teñen intereses en Panamá”

Ourense, 1 de xaneiro de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense despediu o 2020 cunha rolda de prensa na estación de montaña de Cabeza de Manzaneda, onde denunciaron, unha vez máis, a situación de “abandono e desleixo” que se vive na estación, que tal e como manifestan os socialistas “se atopa pechada un 31 de decembro por primeira vez na historia”. Dende o PSOE ourensán denuncian tamén o “escurantismo” na selección da nova empresa que xestionará Manzaneda, xa que se trata dunha empresa sen experiencia previa no sector, que foi creada fai 10 meses, no mes de febreiro, e que ten vínculos empresariais con Panamá. Os socialistas avogan pola xestión directa de empresas con experiencia no sector, que teñan vinculación coa provincia e que xeren postos de traballo na comarca.

A estampa de Manzaneda é a dunha estación pechada a cal e canto, na que con 40 centímetros de neve e as pistas en perfectas condicións para realizar deportes como o esquí ou snow, os visitantes non poden empregar nin o telesilla, parado por completo acumulando neve, nin tampouco os apartamentos ou cafetería, xa que tamén se atopan pechados. Os socialistas critican que no final de 2020 “perdéronse centos de miles de euros na comarca por ter pechada a estación e a pesar de ter varias datas con neve como toda a Ponte da Constitución, o Nadal e o propio fin de ano”. Unha situación da que culpan os xestores.

Na rolda de prensa participaron o secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino; a deputada autonómica Carmen Rodríguez Dacosta; o senador, Miguel Bautista; os deputados provinciais Aurentino Alonso e Nacho Gómez; a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega; a alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez; e o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández.

O primeiro en tomar a palabra foi o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, quen criticou que “case dous meses despois de denunciar o abandono de Manzaneda a situación segue igual, con todo pechado por completo”. O rexedor tamén sinalou que se perderon “sete días de neve no ponte da Constitución e tamén agora en pleno Nadal” e subliña que esta situación se debe a “non ter preparada a estación nos meses de setembro ou outubro e intentar facelo todo a marchas forzadas no último día”.

O rexedor do Concello de Manzaneda tamén se amosou crítico coa nova empresa que xestionará a estación e critica o escurantismo de Xunta e Deputación que “non nos comentaron nada ata a última hora do día de onte”. Fernández laiase de que a estación “non estea aberta e funcionando e que agora pase a unha empresa que non entende nin a neve nin a montaña”. O alcalde socialista finalizou apuntando que a solución “pasa por meter a xestionar a estación a xente da comarca, que ten verdadeiro interese de que isto saia adiante”.

Para a alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, a nova empresa que xestionará Manzaneda “non está preparada para sacar adiante a estación”, polo que critica que non se aposte por “empresas competentes da comarca, da provincia ou doutros puntos de Galicia”. Domínguez incide tamén na adxudicación a unha empresa “sen experiencia previa, creada en febreiro de 2020 e que ten detrás un conglomerado de empresas con vínculos en Panamá, un paraíso fiscal”. A rexedora socialista critica tamén a “forma escurantista de facer a adxudicación” e destaca que “non nos deron marxe para opinar aos concellos, nin para dicir absolutamente nada, pois querían adxudicala con rapidamente e pola porta de atrás”.

A alcaldesa de Trives tamén fixo alusión a situación actual da estación “pechada ao público” e incidiu na súa importancia “como motor económico da comarca”, polo que lle solicita a Xunta e Deputación “transparencia na xestión”. “Non queren que isto funcione porque se fose así terían que apartarse dado que levan aí unha gran cantidade de anos e isto segue sen funcionar”, criticou a alcaldesa ademais de plantexar que “deixen que sexan os concellos de Trives e Manzaneda os que xestionen directamente a estación coa axuda dos traballadores”.

Pola súa banda o deputado do Grupo Provincial Socialista pola comarca de Valdeorras, Aurentino Alonso destacou que “un mes e medio despois da nosa denuncia do abandono en Manzaneda, a situación está peor, porque levabamos moitos anos sen ter unha nevada en época de Nadal como a de este ano e por primeira vez na historia, a estación atópase pechada en pleno fin de ano”. O deputado socialista comparou a situación de Manzaneda coa de resto de estacións do país que “se atopan nestes días cunha ocupación hoteleira do 80% e co 100% dos fortfaits vendidos”.

A Alonso preocúpalle a nova xestión, a cargo dunha empresa “con intereses en Panamá e na que o seu bagaxe como se pode ver na súa propia web é mínimo”. O deputado provincial tamén subliñou que “esta bagaxe é perfectamente superable por empresas da comarca que se dedican o turismo multi aventura ou a xestión deste tipo de instalacións.

Para a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, estamos ante a foto da “vergoña” por ter pechada a estación a “cal e canto” un 31 de decembro. A rexedora socialista fixo fincapé en que as instalacións “sempre foron un dos motores económicos das comarcas de Trives, Castro Caldelas e Valdeorras, chegando o seu impacto a Maceda e Ourense”. Vega amosouse moi crítica coa situación e sinalou que “están acabando con este motor, dando un puño en plenas narices para a zona” e apuntou que “é como se nos estivesen quitando parte do noso futuro” para finalizar apuntando que “senón saben xestionar a estación, que se marchen e se continúan, que o fagan como debe ser”.

Por último tomou a palabra o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, para destacar a estampa que se vivía na estación de esquí cos telesillas “parados e sen funcionar as nosas costas nun lugar que en fines de semana tempo atrás xeraba arredor de 250.000 euros e que hoxe está esquecido”. O voceiro provincial tamén criticou as “inversións millonarias en canóns sen funcionar, con todo pechado e que é viva imaxe dunha república bananeira” e apuntou que “a solución máxica que daba Baltar para esta terra é unha empresa con negocios en Panamá, creada fai uns meses en Coruña e sen experiencia no sector”.

Villarino tamén sinalou que a Xunta e a Deputación “son unha traba para o desenvolvemento de Ourense” e fixo fincapé en que a provincia “só lles importa cando chegan as eleccións porque cando teñen que render para a xente e xerar ingresos na comarca o que acontece é que está todo pechado”. O secretario provincial finalizou apuntando que “está nevando, hai medios e posibilidades, pero non xestión”.