Concello de Ourense INICIATIVAS

Impulsamos unha moción de consenso para “revitalizar” o termalismo en Ourense

O PSDEG-PSOE IMPULSA UNHA MOCIÓN DE CONSENSO PARA “REVITALIZAR” O TERMALISMO E DENUNCIA QUE O PLAN ESTRATÉXICO TERMAL DE OURENSE “SEGUE NA ERA ANALÓXICA”

Os socialistas impulsan unha iniciativa para pór en valor o complexo cultural de San Francisco a través da dignificación dos accesos e da recuperación do proxecto do museo, aparcado pola Xunta.

O PSdeG-PSOE consegue que a corporación municipal aprobe por unanimidade unha iniciativa para a reactivación do casco histórico e posta en marcha dun plan de acceso á vivenda para a mocidade.

Ourense, 8 de xaneiro de 2021. O grupo municipal socialista vén de conseguir a aprobación en pleno dunha iniciativa de consenso que sirva para “revitalizar” o termalismo en Ourense a través da “recuperación e actualización” do plan estratéxico termal, un documento que os socialistas denuncian que “segue na era analóxica”, posto que aínda non está “dixitalizado”. A moción contou co voto a favor de toda a corporación, a excepción de Gonzalo Pérez Jácome e Armando Ojea, que se abstiveron de amosar o seu compromiso co desenvolvemento termal de Ourense, alegando a súa falta de confianza no termalismo como “fonte de ingresos”.

O concelleiro socialista Javier Rey defendeu unha moción “construtiva” para lograr unha “folla de ruta ambiciosa e realista” que poña en valor “un recurso extraordinario do noso concello”. Neste sentido, Rey censurou que, desde a aprobación do Plan Termal, no ano 2007, “seguimos coas mesmas sinaturas pendentes”, e lamentou que o documento sexa “un gran descoñecido” incluso para os responsables de termalismo. “Na era na que todo está informatizado, a guía por excelencia do termalismo de Ourense está en papel, segue na era analóxica”, criticou.

Así mesmo, o concelleiro de termalismo subliñou que a Xunta de Galicia é o “principal actor” en materia termal, se ben “non cumpriu ningún dos seus obxectivos” ao respecto. Unha das promesas do goberno autonómico era “posicionar Galicia como destino termal a través da potenciación de Ourense como provincia termal”, lembrou Rey, a respecto do cal manifestou que agarda que “os galegos e galegas non estean esperando por isto”.

Unanimidade na activación do casco histórico

O PSdeG-PSOE instou ao Concello de Ourense a comprometerse coa reactivación do casco histórico e a impulsar o acceso á vivenda nesta zona da cidade para a mocidade, unha iniciativa aprobada por unanimidade que a concelleira Natalia González cualificou de “pioneira” posto que conxuga “tres temas fundamentais”: vivenda, mocidade e casco histórico.  

Neste sentido, a socialista lembrou que o Concello ten “paralizado” o desenvolvemento urbanístico da zona histórica desde a “caída” do plan especial para As Burgas, ao cal cómpre sumar o “insuficiente” compromiso da Xunta en materia de vivenda coa cidade de Ourense. “Queremos que a Xunta se molle con Ourense” reivindicou González, “para que os mozos e mozas desta cidade poidan acceder a unha vivenda dunha vez por todas”.

Solicitamos a recuperación do proxecto do museo de San Francisco

A excepción do “microgoberno” de Jácome, que se abstivo na votación, todos os grupos apoiaron a iniciativa dos socialistas para pór en valor o complexo cultural de San Francisco a través da dignificación dos accesos ao Arquivo Histórico Provincial, de competencia municipal, e da reactivación do proxecto do Museo de San Francisco, anunciado en 2016 pola Xunta de Galicia e que hoxe en día permanece paralizado.

A concelleira Rosa Martínez lamentou o “abandono” por parte do goberno municipal da contorna do novo arquivo, que a día de hoxe está “ateigada de fochancas”, e avogou pola “revitalización” do complexo mediante a recuperación do proxecto de 1,6 millóns de euros para a parcela da igrexa de San Francisco.

Saúdos.