concellos Denuncias

Os socialistas de Ribadavia denuncian graves irregularidades e deficiencias no punto limpo

O PSDEG-PSOE DE RIBADAVIA DENUNCIA A “CHAPUZA” LEVADA A CABO POLO GOBERNO MUNICIPAL DO PP NO PUNTO LIMPO QUE XA ESTÁN EMPREGANDO DE XEITO “IRREGULAR E PERIGOSO”

Os socialistas afirman que o punto limpo non conta coa licencia de actividade da Xunta e que ten uns informes “demoledores” da Deputación de Ourense por graves carencias e pola ubicación da obra

O voceiro do PSdeG, Nacho Gómez, critica que o alcalde “pon en perigo aos traballadores empregando xa o punto limpo, nunha curva moi perigosa, sen visibilidade e de difícil maniobrabilidade”

Ribadavia, 8 de xaneiro de 2021. O PSdeG-PSOE de Ribadavia denuncia o que considera unha “nova chapuza” levada a cabo polo goberno municipal do Partido Popular coa construción do punto limpo. Os socialistas denuncian que se está empregando o mesmo de forma “irregular e perigosa”, xa que non conta coa licencia de actividade da Xunta de Galicia para a súa posta en funcionamento e os informes da Deputación de Ourense sobre a obra son “demoledores”. Nunha visita do PSOE á zona puideron comprobar que no punto limpo xa se almacenan numerosos colchóns e outros materiais sen que o mesmo este aberto.

O informe da Deputación de Ourense a co que tivo acceso o PSdeG-PSOE de Ourense non autoriza o acceso a OU-0305 dende o punto limpo de Ribadavia, sito na localidade de A Foz. Trátase dunha estrada propiedade do ente provincial, que no informe deixa claro os motivos polos que non se pode acceder dende a estrada. Non se emprega o vehículo patrón de instrución axeitado, que sería un camión articulado de 16.50 m. Tampouco están calculadas axeitadamente as distancias de visibilidade, nin se define a sinalización a empregar. O informe tamén manifesta que non se limitan os movementos que non poden realizarse por non ter a distancia visible necesaria e subliña tamén a negativa por ter a entrada coas manobras de vehículos pesados impedindo o paso de autos o punto limpo, que deberán esperar na estrada provincial.

Dende o Grupo Municipal Socialista consideran que o lugar para esta actividade “non é a idónea”, que “supón un perigo para a circulación” e lembran que durante os anteriores mandatos, con gobernos do PSOE sempre se enfocou que o punto limpo debería estar no parque empresarial xa que “sabiamos que os camións de grandes dimensións non poden entrar e saír nesa curva na que se construíu xa que é un perigo total”.

O voceiro municipal do PSdeG en Ribadavia, Nacho Gómez, apunta que o informe “está cheo de deficiencias e resulta demoledor, xa que temos constancia de que con todas estas deficiencias o punto limpo non se pode empregar e a Xunta non vai dar permiso de actividade para unha chapuza deste calibre”. O líder dos socialistas da capital do Avia apunta tamén que o Concello de Ribadavia “debe ter unha ordenanza que regule como se vai utilizar o punto limpo, pero tampouco existe”.

Gómez critica duramente o alcalde de Ribadavia e deputado provincial do PP, César Fernández, por “comezar a almacenar de forma irregular diferentes utensilios, coma colchóns, no punto limpo” e acúsao de “pór en perigo aos traballadores e o propio concello” cunha actividade que “non se pode realizar” sen permisos e con informes en contra.

Os socialistas de Ribadavia consideran que o goberno ten un “grave problema” en materia de tempo dedicado as obras. “A concelleira de obras si pon vontade e temos constancia do seu traballo, pero non ten o tempo preciso para dedicarlle”, explica o voceiro socialista, que tamén apunta que “este tempo si o ten o alcalde, que dispón de salario, pero opta por deixar vendidos aos seus propios compañeiros e ao pobo de Ribadavia co único fin de vender a súa imaxe, obviando a súa penosa xestión”.

“Volvemos aos tempos negros para as obras da vila co PP ao fronte da corporación municipal”, explica Gómez antes de relatar as “chapuzas” dos gobernos populares na vila ao longo da historia e por exemplos como a obra da Praza Maior que “foi un desastre e quedou chea de fochancas” ou a estación de autobuses, “que non se puido abrir como agora acontece co punto limpo”. Para o PSdeG de Ribadavia esta situación é un claro exemplo de que o PP “repite o mesmo patrón cando goberna” e poñen como exemplos a obra do campo de fútbol “convertido nun patatal e cuxa execución foi unha vergoña” ou o Parque Roble “unha herdanza do PSOE que só tiñan que xestionar, pero cambiaron o proxecto para convertelo nun desastre e nunha nova chapuza”.