concellos Denuncias

Os socialistas de Leiro pídenlle ao alcalde “transparencia” e que deixe de empregar as redes municipais de xeito partidista

O PSDEG-PSOE DE LEIRO ACUSA AO ALCALDE DO PP DE EMPREGAR O CONCELLO DE XEITO “PARTIDISTA” PARA PROMOCIONAR AS OBRAS EN PÁXINAS DE DOMINIO PÚBLICO E DE TODA A VECIÑANZA

Os socialistas tamén critican que non se enviase por parte da alcaldía ningún comunicado oficial á oposición da visita do vicepresidente e o delegado territorial da Xunta ao municipio de Leiro

O voceiro do PSdeG, Manuel Rodríguez, afirma que “o rexedor e os seus acólitos utilizan o Concello para o seu beneficio persoal e non queren que o resto participen na vida diaria do consistorio”

Leiro, 15 de xaneiro de 2021. O PSdeG-PSOE de Leiro presentou por rexistro un escrito no que pide explicacións ao alcalde do municipio, Francisco José Fernández, do Partido Popular por non informar aos socialistas da visita do Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e do Delegado territorial en Ourense do organismo autonómico, Gabriel Alén, ao municipio o pasado martes para revisar o estado das obras levadas a cabo en Leiro. Dende o Grupo Municipal Socialista tamén critican que o rexedor emprego o Concello de xeito “partidista” para promocionar as obras en páxinas de dominio público e que son propiedade de toda a veciñanza.

Os socialistas afirman que tiveron constancia da visita dos altos cargos da Xunta “a través da prensa, xa que dende o Concello non nos comunicaron absolutamente nada”. Ante esta situación, o PSdeG do municipio decidiu presentar un escrito no que lle solicitan ao alcalde “unha explicación dos motivos porque non se avisou o noso partido da presencia destas autoridades”.

Para o voceiro socialista, Manuel Rodríguez, “esta é unha falta total de respecto institucional por parte da alcaldía” e lémbralle o rexedor do Partido Popular que “mal que lle pese, os socialistas tamén somos representantes do pobo, polo que nin nós, nin os nosos votantes, veciños e veciñas de Leiro, merecemos este desprezo pola súa parte”. O concelleiro do PSdeG en Leiro tamén salienta que “non nos vale a tradicional escusa, que xa é unha constante cada vez que se nos despreza, de que non solemos asistir a recepcións de autoridades”.

Rodríguez esíxelle ao alcalde unha “desculpa pública” e que “lle faga chegar por escrito os motivos polos cales non se convidou ao PSOE a este acto coas autoridades da Xunta de Galicia”. Tamén lle esixe ao PP que remate dunha vez por todas coa “falta de transparencia” e que “se teña en conta a oposición para futuros actos deste tipo, que en definitiva son en beneficio da veciñanza de Leiro”.

Os socialistas tamén acusan ao alcalde de empregar as redes sociais oficiais do Concello para “propaganda partidista” e critica que o PP “trate de sacar rédito político coas obras que son en beneficio da veciñanza de Leiro”. Manuel Rodríguez afirma que “o alcalde e os seus acólitos utilizan o Concello para o seu beneficio persoal e non queren que o resto de forzas políticas e veciños e veciñas participen da vida diaria do consistorio”. Rodríguez finaliza subliñando que para “o único que quere aos veciños o alcalde é para pagar taxas e impostos”.