Concello de Ourense EDUCACION

Denunciamos que o alcalde queira pór gardas de seguridade ao coidado de escolares

O PSDEG-PSOE ATRIBÚE A CRISE DOS CONSERXES Á “FALTA DE PREVISIÓN” DE JÁCOME E TACHA DE “ABERRANTE” QUE O ALCALDE QUEIRA PÓR GARDAS DE SEGURIDADE AO COIDADO DE ESCOLARES

Os socialistas denuncian o “modus operandi” do alcalde, que “cando non fai os deberes”, soluciónao pagándolle a empresas privadas mediante contratos menores que se adxudican “a dedo”

Denuncian que o Concello sacou as bases “tarde e mal”, posto que só permiten contratar persoal para colexios e para o albergue do peregrino, pero non para que o Concello poida abrir polas tardes

Ourense, 17 de xaneiro de 2021. O PSdeG-PSOE atribúe a crise dos conserxes á “falta de previsión” de Jácome e tacha de “aberrante” que o alcalde pretenda pór gardas de seguridade ao coidado de escolares. Os socialistas denuncian o “habitual modus operandi do alcalde”, que “cando non fai os deberes”, soluciónao pagándolle a empresas privadas mediante contratos menores que se adxudican “a dedo”.

CEIP A Ponte

Desde o grupo municipal socialista lembran que, na última Xunta de Educación, o concelleiro de DO, Armando Ojea, recoñeceu que o Concello ten pensado incorporar gardas de seguridade para os postos de conserxes vacantes mentres non se resolve o novo proceso de contratación, despois de que a lista de agarda caducase polo “desleixo” do propio goberno municipal.

Os socialistas tachan de “despilfarro” o uso de diñeiro público para “tapar a nefasta xestión do microgoberno” e cualifican de “aberrante” que o alcalde pretenda pór gardas de seguridade sen ningún tipo de especialización ao coidado de escolares en colexios públicos. “De golpe e porrazo enterámonos de que van colocar unha empresa de seguridade nos colexios”, manifestan desde o grupo socialista, ao tempo que ironizan coa posibilidade de que “o seguinte sexa un Estado policial”.

As bases, “tarde e mal”

Ademais, engaden que o Concello sacou as bases “tarde e mal”, posto que a redacción limita a contratación a persoal para centros educativos e para o albergue do peregrino. Neste sentido, os socialistas defenden que unhas bases “amplas e de carácter xeral” permitirían a incorporación dun conserxe para as dependencias do consistorio, que a día de hoxe seguen pechadas polas tardes.