EMIGRACIÓN INICIATIVAS

A secretaría de emigración informa sobre as pensións alemás ao colectivo de retornados

A SECRETARÍA DE EMIGRACIÓN DO PSDEG-PSOE DE OURENSE LEMBRA AOS RETORNADOS DE ALEMAÑA QUE ESTE MES DEBEN ENVIAR UNHA FE DE VIDA AO ORGANISMO PAGADOR DAS PENSIÓNS

No 2020 houbo atrasos e falta de pagamentos da pensión privada que segundo afirma o secretario de emigración, Luís Gulín, “débese a que desde o 1 de xaneiro do 2020 as aseguradoras contratadas polas empresas alemás xa non envían un documento de fe de vida”

Ourense, 18 de xaneiro de 2021. A secretaria provincial de emigración do PSdeG-PSOE de Ourense lembra a aqueles emigrantes retornados de Alemaña que cobran unha pensión complementaria da empresa onde traballaron, a maiores da pensión oficial, que durante este mes de xaneiro teñen que enviar unha fe de vida ao organismo pagador da chamada Betriebsrente.

O secretario de emigración dos socialistas ourensáns, Luís Gulín, explica que “no ano 2020 moitos retornados que cobraban esa pensión complementaria estrañáronse que durante meses non se lle abonaba esa pensión privada que adoita ser de cantidades pequenas”.

“A razón da falta de pagamentos e os atrasos radicaba que desde o 1 de xaneiro de 2020 as aseguradoras contratadas polas empresas alemás xa non envían un documento de fe de vida”, apunta Gulín. Ese papel os retornados normalmente levábano a selar ao concello ou ao xulgado. Agora cada perceptor da Betriebsrente ten que enviar de oficio e pola súa conta unha fe de vida a Alemaña para poder seguir cobrando esa pensión.

Dende a secretaría provincial de emigración subliñan que os retornados “deben consultar coa empresa ou aseguradora que abona esa pensión privada a periodicidade do envío da fe de vida, algúns o requiren anualmente, outros cada dous anos”. Namentres, algunhas grandes empresas alemás multinacionais seguen enviando un documento de fe de vida para validar en España. A secretaría provincial de emigración ponse a dispor dos emigrantes retornados de Alemaña para calquera dúbida ou consulta que poden realizar escribindo á seguinte dirección de correo electrónico: cp-ourense@psdeg-psoe.org