Concello de Ourense MEDIO AMBIENTE

Apuntamos a Jácome e ao PP como “coautores” da tala indiscriminada da histórica araucaria do Arqueolóxico

O PSDEG-PSOE CONDENA A TALA INDISCRIMINADA DA HISTÓRICA ÁRBORE A CARÓN DO MUSEO ARQUEOLÓXICO E APUNTA A JÁCOME E AO PP COMO “COAUTORES DOUTRO ATENTADO MEDIOAMBIENTAL”

Denuncian que a araucaria, unha árbore catalogada, debía ser transplantada e non “exterminada da zona”, como recollía o proxecto de construción do peirao do Museo Arqueolóxico

Os socialistas poñen de manifesto que esta actuación non se axusta á licenza de obra concedida en 2018 polo goberno do PP e lamentan a pasividade do “microgoberno”, que “non está nin se lle agarda”

Ourense, 19 de xaneiro de 2021. O PSdeG-PSOE condena a tala indiscriminada da histórica árbore situada a carón do Museo Arqueolóxico e apunta a Jácome e ao PP como “coautores doutro atentado medioambiental”. Denuncian que a araucaria localizada xunto ao busto de Ferro Couselo, unha árbore catalogada, debía ser transplantada e non “exterminada da zona”, como estaba recollido no proxecto de construción do peirao de carga e descarga para o museo.

Os socialistas poñen de manifesto que a tala non se axusta á licenza de obra concedida en 2018 polo goberno do PP. Así, lembran que no proxecto presentado ao que se condicionaba a concesión da licenza e inicio das obras, autorizábase unicamente á “eliminación dos parterres axardinados, ao transplante das árbores, ao recorte da parte esquerda dos chanzos e á eliminación do acceso á rúa Bailén”, pero non á tala desta árbore, puntualizan.

As obras do Museo Arqueolóxico trala tala indiscriminada da histórica árbore situada a carón do busto de Ferro Couselo.

Ademais, indican que a zona de intervención estaba cualificada como “zona verde” dentro do núcleo histórico de Ourense, polo que os técnicos do Concello esixiran a busca dunha “solución alternativa á eliminación da dita zona verde para resolver a carga e descarga de bens, cunha solución máis inofensiva e realizar un estudo da periodicidade real de necesidade do uso da carga e descarga no museo”, e advertiran que “para facilitar a organización da obra en canto a accesos, acopios, almacenamento e saída de residuos, debería buscarse outra localización que non requirira a eliminación da zona verde existente”.

Os socialistas conclúen que a responsabilidade de cumprimento da licenza é do Concello de Ourense, máis cando a zona afectada é de titularidade municipal e sobre ela rexe unha protección especial polo entorno histórico no que se atopa. Deste xeito, lamentan a “habitual pasividade” do executivo local, que “non está nin se lle agarda”, e a incompetencia do PP, que foi incapaz de garantir alternativas para evitar esta tala indiscriminada malia comprometerse a “evitar a desaparición da zona axardinada”.

“Non se fixo nada, nin por parte duns nin doutros”, manifestan os socialistas, que apuntan a Jácome e ao PP como “coautores doutro atentado medioambiental” dentro da política de “exterminio arborecida” que vimos sufrindo nos últimos tempos, e que xa deixou ao seu paso desastres como a tala das árbores da Praza de San Marcial ou da Praza da Magdalena, así como a recente tala das palmeiras das Burgas ou a poda abusiva e o maltrato que están a sufrir as árbores do entorno dos Remedios polas obras da segunda fase de rehabilitación da Ponte Romana, executadas pola Xunta de Galicia.

Desde o grupo socialista pídenlle ao alcalde que poña en marcha xa as iniciativas levadas a pleno por este grupo no mes de agosto, e aprobadas de xeito maioritario, para a defensa do patrimonio arbóreo de Ourense, –consistentes na realización dun censo actualizado, un plan de acción para defender, preservar e incrementar ese patrimonio e a redacción dunha ordenanza para a protección da biodiversidade e do patrimonio verde de Ourense– e que a día de hoxe permanecen “pechadas nun caixón”.