concellos Denuncias

Os socialistas de Cartelle denuncian un novo vertedoiro ilegal do Concello

O PSDEG-PSOE DE CARTELLE DENUNCIA QUE O GRUPO DE GOBERNO MUNICIPAL DO PARTIDO POPULAR EMPREGA COMO “VERTEDOIRO ILEGAL” A FINCA PRIVADA DUN TRABALLADOR DO CONCELLO

Os socialistas apuntan que a Policía Autonómica e a Garda Civil xa se presentaron no lugar dos feitos para abrir as correspondentes dilixencias e tramitar unha denuncia en Medio Ambiente

O voceiro do PSdeG en Cartelle, Jesús Pereira, afirma que a situación é “intolerable” e pregúntase “que vai pasar agora coa multa? Porque o Concello non pode pagala xa que sería un delito de prevaricación”

Cartelle, 19 de xaneiro de 2021. O PSdeG-PSOE de Cartelle denuncia unha vez máis, un novo episodio do que afirman que é “un claro desleixo” cara a veciñanza de Cartelle. Os socialistas denuncian que o grupo de goberno municipal, encabezado polo rexedor do Partido Popular, Jaime Sousa, emprega a finca privada dun traballador do Concello como vertedoiro ilegal no que basculan cada día escombros.

A finca en cuestión atópase situada a carón do campo de fútbol de Cartelle, que precisamente é propiedade do comunal de Pereda. Tal e como explican dende o Grupon Municipal Socialista, na finca convertida en vertedoiro, había unha escavación feita polo propietario, pero “este finou e a finca pasou a mans do fillo, que é traballador municipal”. Os socialistas denuncian que dende que este empregado público se fixo en propiedade coa finca, o Concello “aproveita para botar escombros e encheu aquelo de lixo, provocando as queixas da veciñanza, que está farta de ver como se abandona o municipio e se permiten estas atrocidades medio ambientais”.

Dende o PSdeG de Cartelle apuntan a que tanto a Policía Autonómica como a Garda Civil xa se presentaron no lugar dos feitos para levantar as pertinentes dilixencias e dar traslado da denuncia a medio ambiente. “É intolerable os atentados medio ambientais que está a levar a cabo o PP en Cartelle”, denuncia o voceiro socialista, Jesús Pereira, que tamén apunta que a situación “non é nova” e que fai uns meses “xa denunciamos unha situación idéntica na masa común da parcelaria”.

O voceiro municipal recolleu nas últimas semanas numerosas queixas de veciños e veciñas que consideran que “esta situación é insostible e que xa está ben de contaminar e encher de lixo a contorna de Cartelle”, indica Pereira, que subliña tamén que “non vamos consentir que o PP contamine e desleixe a nosa terra, os nosos montes e a nosa natureza”.

Jesús Pereira tamén se pregunta que vai acontecer agora coa pertinente multa que segundo afirma chegará dende Medio Ambiente, “non sabemos se a pagará o Concello, que non pode facelo, xa que se trata dunha propiedade privada e estariamos falando dun delito de prevaricación, polo que estamos preocupados polo que vai a acontecer e agardemos que non haxa irregularidades, xa que vamos a estar moi atentos”.

Denuncia por unha estrada perigosa

Os socialistas tamén recolleron a denuncia verbal que fan os veciños e veciñas de Sanguñedo de Cartelle sobre unha estrada de acceso ao núcleo poboacional, que segundo lle trasladaron ao PSdeG “ten unha gran pendente e está chea de grava”. Pereira afirma que “a veciñanza leva 3 anos loitando porque lle arranxen a situación, pero dende o Concello impera a lei do silencio e seguen sen solucións”. Unha estrada da que os socialistas afirman que se atopa nunha situación de “grave perigosidade para os vehículos que circulan por ela” e pídenlle ao PP “solucións inmediatas e traballo sobre o terreo para dar resposta aos problemas diarios dos veciños e veciñas de Cartelle”.