INICIATIVAS termalismo

Iniciamos unha rolda de contactos para “traer ao presente” o plan termal e xeotérmico de Ourense

O PSDEG-PSOE DENUNCIA A “PASIVIDADE” DO “MICROGOBERNO”  EN MATERIA DE TERMALISMO E INICIA UNHA ROLDA DE CONTACTOS PARA “TRAER AO PRESENTE” O PLAN TERMAL E XEOTÉRMICO

O primeiro dos encontros foi con Pedro Araújo, experto en hidroxeoloxía das augas termais de Ourense e Profesor Titular de Xeoloxía na facultade de Ciencias do Campus ourensán.  

Os socialistas, que levaron unha moción ao pleno de xaneiro para actualizar o plan termal, apostan por relanzar o termalismo como proxecto prioritario para os fondos Next Generation da Unión Europea

Ourense, 20 de xaneiro de 2021. O PSdeG-PSOE vén de iniciar unha rolda de contactos co obxectivo de “traer ao presente” o Plan Estratéxico Termal de Ourense, en liña cos compromisos do seu programa electoral e ante a “absoluta pasividade” do microgoberno nesta materia.

Así, o primeiro dos encontros foi con Pedro Araújo Nespereira, experto en hidroxeoloxía das augas termais de Ourense e Profesor Titular de Xeoloxía na Facultade de Ciencias do Campus ourensán. Desde o grupo socialista adiantan que continuarán reuníndose con diferentes axentes sociais para “unir forzas a favor da posta en valor da nosa riqueza termal e xeotérmica”.

De esquerda a dereita: Javier Rey, Rafa Villarino, Pedro Araújo e Rosa Martínez, durante o encontro na Facultade de Ciencias.

Nesta primeira cita, o voceiro socialista, Rafa Villarino, xunto cos concelleiros da área de termalismo, Rosa Martínez e Javier Rey, mantiveron un “produtivo encontro” con Araújo, no cal conversaron sobre a importancia das augas termais como motor económico da cidade, así como das oportunidades futuras en política termal. “Agora máis que nunca debemos facer unha aposta decidida por relanzar o termalismo como proxecto prioritario para os fondos Next Generation da Unión Europea”, subliñou Villarino.

Cómpre lembrar que o grupo municipal socialista presentou unha moción de consenso no último pleno do mes de xaneiro para instar ao Concello a recuperar e actualizar o plan termal da cidade, e que foi aprobada co voto en contra do grupo de DO. No texto da iniciativa, os socialistas avogan por dotar a cidade dunha “guía estable” que permita “ordenar, priorizar, temporizar e cuantificar accións, estudar o financiamento das mesmas e facer un seguimento para comprobar o seu cumprimento”.

Neste sentido, os socialistas lamentan o “desinterese” de Jácome en materia de termalismo, máis alá de “ocorrencias e improvisacións” como o Parque Acuático Termal, ao tempo que esixen o “claro respaldo da Xunta de Galicia”, competente en materia de augas, co fin de evitar que “a maior riqueza da cidade caia no absoluto abandono e desaparición”.