Deputación de Ourense INICIATIVAS

Reclamamos a Xunta e Deputación parking gratuíto no CHUO para doentes crónicos

O PSDEG-PSOE DEMANDA A XUNTA E DEPUTACIÓN DE OURENSE PRAZAS GRATUíTAS NOS APARCADOIROS DO CHUO PARA PERSOAS CON TRATAMENTOS CRÓNICOS OU DE LONGA DURACIÓN

Os socialistas denuncia que “é inaceptable que pagar por estar enfermos” e “inxustificable que, ademais das súas doenzas, deban sufrir tamén un calvario para aparcar nun hospital público”

Villarino e Gómez emprazan a Xunta a Deputación a “dicir que si” a esta decisión “xusta” para que Ourense deixe de ser a única cidade sen espazo para aparcar de balde no seu complexo hospitalario

Ourense, 20 de xaneiro de 2021. O PSdeG-PSOE demanda á Xunta de Galicia e Deputación de Ourense prazas gratuítas nos aparcadoiros públicos do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), para persoas con tratamentos crónicos ou de longa duración. Os socialistas consideran que “é inaceptable que estas persoas teñan que abonar unha cantidade económica por estar enfermos” e “inxustificable que, ademais de sufrir as súas doenzas, deban sufrir tamén un calvario para aparcar os seus vehículos nun hospital”. “É inconcibible que, en moitos casos, os doentes teñan que estar igual de pendentes do seu diagnóstico médico que de sacar o coche dun parking que saquea os seus petos”, insisten.

Unha iniciativa que se debaterá no pleno da corporación provincial de xaneiro, reclama que o goberno de Manuel Baltar “habilite prazas de aparcamento libres e gratuítas no aparcadoiro da súa titularidade situado na contorna do CHUO, destinadas a persoas que estean a recibir tratamentos médicos para enfermidades crónicas ou de longa duración”. Tamén insta a que a Xunta de Galicia faga o mesmo no estacionamento da súa titularidade situado nos sotos do Hospital Universitario.

O vicevoceiro do grupo provincial, Nacho Gómez, afirma que “é moi importante que Deputación e Xunta fagan este esforzo”, que é “de todos e todas porque somos os cidadáns os que, cos nosos impostos, pagamos estes servizos públicos para que logo algunhas empresas se beneficien”. Gómez salienta que é unha medida “moi acaída” e demandada na situación actual “porque todos e todas coñecemos a situación económica da meirande parte das familias desta provincia”. “O señor presidente da Deputación e o seu goberno non poden dicir que non a esta proposta, porque estamos a falar de persoas con problemas moi graves”, nun momento “cunha situación sanitaria moi complexa” que se pode “paliar con axuda da Deputación”.

O voceiro, Rafa Villarino, asegura que “Xunta e Deputación deben facer os seus deberes”, é dicir, “que as persoas dispoñan de aparcadoiro gratuíto no CHUO”, algo que “o PSOE faría de inmediato se gobernara”. “Estamos a falar de persoas con tratamentos que esixen vir obrigatoriamente aos centros do CHUO” con moita asiduidade, recordou o voceiro antes de incidir en que “levamos loitando por iso moito tempo”, algo que “conseguimos temporalmente durante o primeiro estado de alarma no da Deputación”. “Estamos novamente en estado de alarma e a Baltar parece que se lle esquece que o aparcadoiro é de pago”, denunciou.

“Por que Ourense non pode ser como Vigo ou Lugo onde existen aparcadoiros gratuítos nos seus hospitais, mentres aquí son todos de pagamento?”, preguntou unha vez máis. “Ourense non está defendida nin da Deputación nin na Xunta de Galicia”, advertiu Villarino ante as reiteradas negativas do PP para adoptar esta decisión.

Os socialistas salientan que “esta situación afecta negativamente á consulta ou tratamento e reduce a calidade da interacción co persoal sanitario” e denuncian que “estes pagos forzosos impostos polos gobernos do PP na Deputación Provincial e da Xunta de Galicia, son unha barreira para protexer, promover e restaurar a saúde física e o benestar”, que é un dos obxectivos nucleares das administracións públicas. “Ter un espazo libre e público onde estacionar debería estar garantido para toda a poboación, sen que ningunha empresa se beneficiase destas necesidades”, resaltan.

Na actualidade os centros sanitarios do CHUO ubicados na capital ourensá contan dous aparcadoiros de titularidade pública pero de pago, xa que funcionan en réxime de concesión: un na contorna do Hospital Nai con 800 prazas propiedade da Deputación e outro nos sotos do Hospital Universitario con outras 423 prazas propiedade da Xunta. Asemade existen dúas zonas de estacionamento libre, unha exterior e outra nos sotos do novo edificio de hospitalización, para empregados e empregadas que suman unhas 200 prazas.