O PSDEG-PSOE DE CASTRELO DE MIÑO CRITICA QUE O PP “VENDA FUME” COA MELLORA DA OU-0304 CANDO NON HAI NIN PROXECTO DE OBRA TAL E COMO COMPROBOU O PSOE NA DEPUTACIÓN
Os plan provinciais contemplaban un investimento de 250.000 euros para o acondicionamento, mellora e ampliación dunha estrada que segundo apuntan os socialistas “a veciñanza leva anos reclamando”
A voceira do PSdeG en Castrelo, Catalina González, denuncia que o alcalde “presume ser íntimo de Baltar, pero a realidade é que esta amizade non lle serve de nada porque o proxecto nin se redactou”
Castrelo de Miño, 21 de xaneiro de 2021. O PSdeG-PSOE de Castrelo de Miño denuncia que o alcalde do Partido Popular, Avelino Pazos, e o seu equipo de goberno dedícanse a “vender fume” sobre a suposta mellora da OU-0304 que une as parroquias de Astariz e a Armada, cando nin tan sequera hai un proxecto redactado para as obras de acondicionamento, mellora e ampliación.
O Boletín Oficial da Provincia de Ourense recollía o pasado 2 de xaneiro os plans provinciais de colaboración ás obras e servizos de competencia municipal e de estradas entre as que figuraba o acondicionamento e mellora integral da estrada OU-0304 e para a Deputación de Ourense destinaba un investimento de 250.000 euros. O Grupo Municipal Socialista en Castrelo de Miño decidiu solicitar o acceso ao expediente no ente provincial a través do Grupo Provincial Socialista, pero para a súa sorpresa “non había ningún proxecto asociado nin redactado”.
A voceira do PSdeG en Castrelo de Miño, Catalina González Álvarez, preguntou no pleno do pasado xoves en que consistía o proxecto e a que se ía dedicar os 250.000 euros incluídos neste plan. “O alcalde contestoume que este importe estaba destinado a expropiación de terreos, algo que os socialistas consideramos unha nova mentira e unha cortina de fume que o rexedor quere correr para evitar falar das realidades do municipio que son as do abandono e o desleixo por parte tanto do goberno provincial como municipal”. Tamén apuntan a que esta cantidade “é moi pequena xa que estamos falando dun tramo de 8 quilómetros”.
González interesouse polo proxecto e corroborou que a Deputación de Ourense “non é seguro que leve a cabo o proxecto, xa que segundo nos comentaron e debido a pandemia do coronavirus, non saben aínda se disporán dos fondos necesarios para arrancar esta obra e máis cando aínda non hai nin proxecto redactado”, sinala a voceira socialista, que tamén apunta que “é un proxecto que levamos anos demandando e que a veciñanza reclama por insistencia, pero que de momento non se vai facer realidade”.
Os socialistas tamén acusan ao alcalde de “vender a pel do oso antes de cazalo” en referencia a unhas publicacións nas redes sociais e nas que Avelino Pazos “daba as gracia” e dicía “sentirse moi orgullo de que Baltar e o deputado Pablo Pérez escoitasen as súas demandas e aprobasen o arranxo da estrada”. Feito que a día de hoxe non se consumou. Dende o PSdeG-PSOE de Castrelo de Miño esíxenlle ao rexedor que “se deixe de fume barato e se poña a traballar dunha vez por todas en favor da veciñanza”.