Denuncias Sanidade

Denunciamos que o alcalde do PP de Ribadavia «caciquea» con listaxes de cribados da Covid-19

O PSDEG-PSOE DENUNCIA QUE O ALCALDE DO PP “CACIQUEA” CON LISTAXES DE PERSOAS CITADAS A UN CRIBADO DA COVID-19 QUE SÓ PODE TER O SERGAS E LEVARÁ O CASO ANTE A AEPD

Fernández está no acceso ao recinto cunha listaxe do Sergas nas súas mans, onde vai comprobando e anotando se os veciños e veciñas que se achegan ata o lugar foron efectivamente citados

“É absolutamente improcedente e reprobable que o PP estea a empregar a pandemia con fins partidistas outra vez”, advirten os socialistas ante uns feitos que causaron malestar a moitos asistentes

Ourense, 22 de xaneiro de 2021. O PSdeG-PSOE denuncia que o alcalde do PP de Ribadavia, César Fernández, está a “caciquear” con listaxes de persoas para un cribado da Covid-19, “pasando revista” na porta do antigo colexio da Alameda onde hoxe foron citadas 750 persoas. Os socialistas recordan que esta listaxe só pode estar en mans de persoal sanitario e do Servizo Galego de Saúde (Sergas), polo que consultarán á Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) se tivo lugar unha vulneración da normativa vixente nesta materia por parte dos responsables do servizo de saúde e do propio rexedor.

“O Sergas ten a obriga legal de custodiar estes datos e calquera outros de carácter sanitario, que é información especialmente protexida, polo que o rexedor conservador non debería estar en posesión desa listaxe, xa que non é nin persoal sanitario nin empregado do Sergas e tampouco membro das forzas de seguridade”, sinalan.

Como se pode apreciar no vídeo que acompaña esta información, Fernández está no acceso ao recinto pola rúa Carlos Casares, onde se está a realizar o cribado para detectar posibles casos de asintomáticos e cortar así cadeas de transmisión, cunha listaxe do Sergas nas súas mans, onde vai comprobando e anotando cun bolígrafo se os veciños e veciñas de Ribadavia que se achegan ata o lugar foron efectivamente citados para as probas.

Os socialistas advirten tamén que, ante estes feitos, o rexedor podería estar a elaborar unha “listaxe paralela” co fin de controlar que persoas asistiron ou non ao cribado voluntario ou, incluso, con outros fins de caracter político. “Alguén imaxina a un alcalde ou a un conselleiro organizando o acceso de doentes ao interior da consulta do médico nun centro de saúde? Tamén vai César Fernández comunicar os resultados das probas á veciñanza de Ribadavia?” pregúntanse antes de concluír sinalando que “é absolutamente improcedente e reprobable que o PP estea a empregar, unha vez máis, a pandemia con fins partidistas” ante uns feitos que “causaron malestar” a moitos asistentes.