comercio INFRAESTRUCTURAS

Visitamos as instalacións da Praza de Abastos da Ponte e esiximos a súa reapertura neste ano 2021

O PSDEG-PSOE RESPONSABILIZA A JÁCOME E AO PP DE QUE O EMBLEMÁTICO EDIFICIO DA PRAZA DE ABASTOS DA PONTE LEVE 6 ANOS “NO ABANDONO TOTAL” E ESIXE A SÚA REAPERTURA EN 2021

Os socialistas visitaron o interior do edificio para comprobar o estado das instalacións municipais e reivindicaron un pacto político, sectorial e veciñal para a reactivación inmediata do proxecto da praza

O concelleiro Telmo Ucha quixo impedir a difusión do material gráfico, amedrentando os socialistas con ameazas sen base regulamentaria ou normativa, nun intento de amordazar a oposición

Ourense, 22 de xaneiro de 2021. O PSdeG-PSOE vén de realizar unha visita ao interior da Praza de Abastos da Ponte para comprobar o estado das instalacións e reivindicar, unha vez máis, que se poña fin á situación de parálise e “abandono total” na que se atopa o emblemático edificio desde hai seis anos polo desleixo do PP e de Jácome.   

Durante a visita, a vicevoceira socialista, Natalia González, lembrou que a Praza de Abastos da Ponte, pechada “a cal e canto” desde o ano 2015, foi obra do anterior goberno socialista, quen acadou unha subvención de dous millóns de euros do Ministerio de Fomento para levala a cabo, e lamentou que o goberno de Jesús Vázquez tentara “perverter o sentido deste mercado e a súa tradición tratando de convertelo nunha pinacoteca”, extremo que foi rexeitado tanto polos veciños como polos grupos políticos. “Non por ser un tema recorrente deixa de ser importante”, subliñou a socialista.

De esquerda a dereita: Concepción García, Juana Ageitos, Rafa Villarino, Natalia González e Javi Rey no interior da Praza de Abastos da Ponte.

“En dúas ocasións, a pesar das advertencias dos socialistas, sacáronse a licitación pregos que quedaron desertos porque en moitos casos o canon ou o enfoque comercial que se lle daba non era o axeitado”, explicou González. “Entón produciuse o cambio de goberno e o alcalde dixo que a abriría en 90 días, mais pasou ano e medio e segue pechada”, continuou a socialista, quen fixo fincapé en que “incluso durante o mandato do PP, Jácome levou unha moción dicindo que delegaran nel a xestión, e que sería capaz de abrila”. Así, González concluíu que “a realidade é que non está na súa axenda política” e reivindicou, en nome dos socialistas da cidade, a necesidade dun pacto político, sectorial e veciñal para resucitar o proxecto da praza da Ponte e que se poida abrir ao público neste 2021 “dunha vez por todas”, apostilou.

Así o solicitou tamén a concelleira de comercio, Juana Ageitos, que lamentou a agonía deste mercado, “o primeiro de Ourense” destacou, ao tempo que denunciou que o “microgoberno” estea “desvencellado do comercio de proximidade” e esixiu que o alcalde se “implique” con esta zona comercial “de traballadores e traballadoras”.

Pola súa banda, o voceiro socialista no Concello, Rafa Villarino, acusou ao actual goberno municipal e ao PP de “non velar polos intereses económicos de Ourense” e lembrou que Jácome acaba de botar a perder unha subvención de 600,000 € para a Praza de Abastos da Alameda. “No seu día preguntámonos que ten o goberno local contra a cultura, agora preguntámonos que ten contra o comercio”, manifestou Villarino.

Telmo Ucha tentou censurar esta información

O concelleiro Telmo Ucha quixo censurar a difusión do material gráfico resultante desta visita, amedrentando os socialistas con ameazas sen base regulamentaria ou normativa nun intento de amordazar a oposición.

Fontes da Concellaría de Servizos Xerais vencelladas a Ucha remitiron un escrito ao grupo municipal socialista para comunicarlle que o 18 de xaneiro se rexistrara unha “solicitude de visita” das instalacións municipais, pero que en ningún momento a Concellaría recibira petición de “gravación de imaxes” por parte de persoal alleo ao Concello.

Neste sentido, os socialistas negan a necesidade legal de tal permiso e denuncian que desde o Concello se intente socavar a prerrogativa que teñen os concelleiros coa cidadanía e, en aras do respecto institucional, solicitan que o goberno local lles permita cumprir coas funcións que lexitimamente lle corresponden como grupo da oposición.