Covid19 INICIATIVAS

Instamos ao Concello a implementar un plan urxente para a protección da cidadanía ante a alarmante evolución da COVID na cidade

O PSDEG-PSOE INSTA AO CONCELLO A IMPLEMENTAR UN “PLAN URXENTE” PARA A PROTECCIÓN DA CIDADANÍA ANTE A “CRECENTE PRESIÓN HOSPITALARIA NA CIDADE” POLA EVOLUCIÓN DA COVID

Os socialistas propoñen que o alcalde solicite un novo cribado masivo á Xunta para “ofrecerlle unha segunda oportunidade ás persoas que non asistiron á cita desta fin de semana”

Piden que se garanta a protección da saúde das persoas que reciben servizos municipais, tales como a axuda no fogar, e solicitan que os empregados e empregadas municipais poidan teletraballar

Ourense, 25 de xaneiro de 2021. O grupo municipal socialista insta ao Concello de Ourense a adoptar “un plan de medidas urxentes e extraordinarias” para garantir a máxima protección da cidadanía ante a “crecente presión hospitalaria na cidade” pola alarmante evolución e incidencia da COVID-19 na terceira onda da pandemia.

Neste sentido, propoñen que o alcalde solicite un novo cribado á Xunta para “ofrecerlle unha segunda oportunidade ás persoas que non asistiron á cita desta fin de semana”. Ademais, avogan por que o Concello decrete o peche inmediato das instalacións deportivas municipais e defenden a cancelación de actividades dependentes do mesmo, co obxectivo de “reducir ao máximo a mobilidade e restrinxir as posibilidades de contaxio”.

Por outra banda, os socialistas piden medidas para a protección da saúde das persoas usuarias dos servizos municipais ­-tales como a axuda no fogar-, e daquelas que acoden a realizar xestións nas instalacións municipais. Así mesmo, solicitan que os empregados e empregadas municipais poidan teletraballar e que o Concello estableza servizos mínimos na atención presencial baixo a modalidade de cita previa para a cidadanía

Por último, esíxenlle a Jácome “transparencia total” na información relativa ao cumprimento das restricións establecidas e das posibles sancións policiais ao respecto.