concellos Denuncias

Os socialistas denuncian que Ribadavia está sen orzamentos pola deixadez do alcalde

O PSDEG-PSOE DE RIBADAVIA DENUNCIA A “AUSENCIA TOTAL” DE TRABALLO POR PARTE DO ALCALDE DO PP NO MUNICIPIO AO QUE SINALAN COMO CULPABLE DE QUE A VILA SIGA SEN ORZAMENTOS NUNHA CRISE GRAVÍSIMA

Os socialistas levan insistindo desde maio na necesidade de traballar na procura duns orzamentos de consenso e critican as promesas incumpridas do rexedor que non foi quen nin de elaborar un borrador

O voceiro do PSdeG en Ribadavia, Nacho Gómez, culpa a Fernández de “falta de xestión e planificación” e afirma que este “non é quen nin de conseguir investimentos da Xunta e Deputación con gobernos amigos”

Ribadavia, 26 de xaneiro de 2021. O PSdeG-PSOE de Ribadavia denuncia a “ausencia total” de traballo por parte do goberno municipal do Partido Popular e critica a “nula” eficiencia do alcalde César Fernández, ao que acusan de non preparar nin tan sequera un borrador dos orzamentos de 2021. Os socialistas lembran que levan insistindo desde maio, cando facilitaron e aprobaron os anteriores orzamentos, en pórse a traballar canto antes para elaborar os de 2021, pero a día de hoxe non hai ningunha traza de que iso vaia a ser así.

Dende o Grupo Municipal Socialista recórdanlle ao rexedor, que xa en maio, os socialistas nun exercicio de lealdade institucional e de ter en conta aos veciños e veciñas de Ribadavia “por riba das cores políticas”, non só facilitaron os orzamentos, senón que apoiaron as modificacións orzamentarias e as liñas de axudas para loitar contra a crise económica provocada pola pandemia do coronavirus. “A realidade é que a día de hoxe, o alcalde manifestou a súa total incapacidade e a falta de acordos manifesta para levar a cabo a elaboración dos orzamentos”, critican dende o PSdeG na capital do Avia.

A situación “é crítica” en palabras do PSdeG de Ribadavia, que denuncia “o desleixo e o abandono municipal” que viven os veciños e veciñas da vila cun rexedor “máis preocupado de autopromocionarse e de venderse en redes sociais, que de conquerir investimentos para a vila”. O voceiro socialista, Ignacio Gómez destaca que “non pode ser que o alcalde non sexa capaz de presentar nin un borrador de orzamentos, nin de chamar a oposición para plantexarlle os mesmos, cando vemos que noutros concellos e institucións se aproban, incluso coa colaboración da oposición”.

Para Gómez esta situación é culpa da “falta total de xestión e planificación” dun alcalde do que afirma “non consegue nada nin da Xunta nin da Deputación de Ourense, a pesar de contar con gobernos da mesma cor política”. O socialista tamén apunta a que “é inadmisible que un alcalde que forma parte do grupo de goberno da Deputación provincial que preside Manuel Baltar, non sexa quen de buscar investimentos e melloras para o noso concello”.

Gómez tamén afirma que “calquera alcalde ou concelleiro de concellos pequenos presentes na xunta de goberno provincial, consegue dez veces máis que o que se lle da a Ribadavia”. Unha situación que segundo os socialistas ven provocada porque Fernández “non quere molestar aos seus xefes na procura de buscar a autopromoción no partido”.

Os socialistas poñen como exemplo da incapacidade as obras das beirarrúas de San Cristovo. Unha obra que foi acadada polo anterior equipo de goberno do PSOE e que contaba cun investimento de 600.000 euros. “Démoslle o traballo feito, todo conseguido e só o tiña que levar a práctica, pero case dous anos despois da súa toma de posesión, todo sigue totalmente paralizado”, denuncia o voceiro socialista.

A situación “é insostible” para o Grupo Municipal Socialista que pon de manifesto que Ribadavia “non pode permitirse estar sen orzamentos”. Os socialistas tamén afirman que ao grupo de goberno municipal “fáltalle tempo para traballar”, xa que hai varias concellerías na que as súas titulares “teñen vontade, pero non tempo”. Un tempo que segundo afirman “si ten o alcalde, pero non fai nada máis que vender aos propios compañeiros de partido e dedicarse a promocionarse, en lugar de traballar polo presente e futuro da vila”.