Concello de Ourense INICIATIVAS

Solicitámoslle a Jácome que axilice as axudas aos sectores máis afectados e un protocolo anticovid na axuda no fogar

O PSDEG-PSOE SOLICITA QUE O CONCELLO AXILICE AS AXUDAS PARA OS SECTORES MÁIS AFECTADOS POLAS RESTRICIÓNS E URXE UN PROTOCOLO ANTICOVID PARA O SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR

O voceiro socialista vén de participar nunha reunión co resto de forzas da oposición para reivindicar que o alcalde active medidas “urxentes e extraordinarias” fronte á “alarmante situación sanitaria” na cidade.

Rafa Villarino avogou a favor de axudas no ámbito social e económico para proporcionar o apoio e protección que as persoas e sectores máis afectados polas novas restricións contra a COVID precisan neste intre

Ourense, 27 de xaneiro de 2021. O voceiro socialista no Concello de Ourense, Rafa Villarino, vén de participar nunha reunión co resto de forzas da oposición para reivindicar que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, poña en marcha medidas “urxentes e extraordinarias” fronte á “alarmante situación sanitaria” que vive a cidade.

O socialista defendeu a necesidade de activar, de maneira inmediata, axudas no ámbito social e económico para proporcionar o apoio e protección que as persoas e sectores máis afectados polas novas restricións contra a COVID precisan neste intre.

Deste xeito, Villarino avogou a favor de que o Concello axilice a tramitación administrativa das axudas municipais para as empresas que tiveron que pechar ou que viron a súa actividade “significativamente minguada”. Así mesmo, defendeu a organización dunha xuntanza cos sectores afectados para “explorar vías de colaboración”, máis necesaria se cabe agora que “fracasaron” as reunións da Xunta coas Deputacións e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para pór en marcha un plan de rescate á hostalería. “Hai que dar paso a un método para que as persoas que teñen os seus ingresos bloqueados poidan seguir adiante”.

Por outra banda, o socialista urxiu ao Concello a activar un protocolo anticovid para o servizo de axuda no fogar, co obxectivo de protexer a saúde dos traballadores e traballadoras municipais e evitar que sexan un cable de transmisión para os usuarios e usuarias.

Do mesmo xeito, Villarino solicitou medidas de apoio para as persoas sen fogar, tanto a nivel de protección contra o frío ­–con roupa e mantas–, como a nivel alimentario –a través do reparto de bebidas ou caldos–, e defendeu que as persoas que fan uso da Unidade de Condutas Aditivas poidan ter acceso ao servizo sen ter que acudir ata as dependencias do CHUO.

O voceiro socialista volveu avogar polo teletraballo e pediu que o Concello solicite a Sanidade un informe detallado a respecto da seguridade e os riscos de levar a cabo as reunións de grupo, comisións e plenos de forma presencial para garantir “con fundamento técnico” a seguridade sanitaria das accións corporativas e gardar “a exemplaridade á que nos debemos como representantes públicos”.

Finalmente, amosou novamente o seu apoio para instar á Xunta a facer un novo cribado entre a poboación e o persoal dos servizos administrativos.