INFRAESTRUCTURAS Política municipal

Solicitaremos a Jácome volver ao planeamento de 2013 como base para as negociacións do novo PXOM

O PSDEG-PSOE ADIANTA QUE SOLICITARÁ VOLVER AO PLANEAMENTO DE 2013 COMO BASE PARA AS NEGOCIACIÓNS DO NOVO PLAN XERAL DE ORDENACIÓN URBANÍSTICA DE OURENSE

En caso de querer retomar o documento aprobado polo PP en 2019, os socialistas esixirán unha nova exposición pública e anticipan o “grave risco” de que acabe correndo a mesma sorte que o PXOM de 2003

Denuncian que o alcalde “vendeu fume electoral” e fixo “demagoxia” coas Torres do Miño, e reiteran a “inviabilidade” da construción dun rañaceos na finca Mariñamansa

Ourense, 27 de xaneiro de 2021. O PSdeG-PSOE anuncia que solicitará volver ao planeamento de 2013 como base para as negociacións do novo Plan Xeral de Ordenación Urbanística de Ourense, que arrancarán este mesmo xoves. Os socialistas adiantan así o que será o seu posicionamento de cara á aprobación da guía que rexerá o futuro desenvolvemento urbanístico da cidade, un ámbito cuxa xestión nas últimas décadas cualifican de “nefasta”, en boa medida grazas ao papel xogado polo Partido Popular e agravado recentemente pola total incapacidade de Jácome de acometer un planeamento “rigoroso”.

Nestas circunstancias, os socialistas advirten que o seu “punto de partida” será retrotraerse ao PXOM aprobado no pleno do Concello do 8 de novembro de 2013, coa incorporación das alegacións informadas favorablemente trala súa exposición pública, así como as adaptacións legais que sexan necesarias.

Ademais, apostan por incorporar unha serie de eixos que consideran “clave” para un planeamento urbanístico “garantista e de futuro”, como a mellora do proxecto da Estación Intermodal do AVE, a incorporación do PMUS e do transporte metropolitano, a revisión xurídica e técnica das modificacións incorporadas mediante providencia polo ex-concelleiro de urbanismo, José Cudeiro, ou a inclusión de áreas de rehabilitación urbana para axilizar un plan de rehabilitación que permita captar axudas do Plan Rexurbe e dos fondos Next Generation da Unión Europea.

Os socialistas anticipan que, en caso de que o “microgoberno” decida retomar o documento aprobado provisionalmente polo PP en 2019, esixirán unha nova exposición pública do novo Plan Xeral de Urbanismo do Concello de Ourense, xa que, en vista das modificacións “substanciais” introducidas a respecto do PXOM aprobado no 2013, “estamos ante o grave risco de que acabe correndo a mesma sorte que o PXOM de 2003 aprobado polo PP”, un documento que fora aprobado polo goberno de Manuel Cabezas e tombado polo TSXG con nove sentenzas de anulación polo escándalo do “cambiazo”, que derivou na entrada en vigor do PXOU do 1986.

“Cómpre lembrar que o anterior grupo municipal socialista fixo todo o posible por evitar que o PP levara adiante un segundo ‘cambiazo’ do PXOM de Ourense cando os populares recuperaron a alcaldía en 2015”, detallan os socialistas en relación á intención de Jesús Vázquez de mudar a funcionalidade e esencia do documento, favorecendo aos promotores e non á administración, e relegando a integración do AVE e da intermodal, coas “lamentables consecuencias que todos coñecemos a día de hoxe”.

A esta situación hai que engadir “o agravante” do acontecido na antesala do presente mandato, cando en xuño de 2019 o PP, gobernando en minoría, aprobou provisionalmente o PXOM incorporando as modificacións anteriores e introducindo un total de catorce cambios vía providencia asinados persoalmente polo concelleiro de Urbanismo, José Cudeiro.

“O PXOM de 2019 aprobouse pola porta de atrás e de costas á oposición e á cidadanía”, afirman, motivo polo que o grupo socialista presentou un recurso de reposición contra a aprobación que a día de hoxe “non obtivo resposta de ningún tipo”. “O que si sabemos é que o documento foi remitido á Xunta de Galicia, e que o goberno autonómico requiriu información ao Concello que, ano e medio despois, aínda non foi enviada”.

As torres do Miño e o rañaceos: “fume electoral” de Jácome 

Por outra banda, os socialistas denuncian que o alcalde utilizara as torres do Miño cando estaba na oposición para facer “demagoxia”, e como candidato á alcaldía, para vender “fume electoral”. Lembran que Jácome prometeu que as eliminaría do planeamento “a custe cero”, mais “xa están en obras e nin chegou a encargar sequera o informe de valoración da indemnización que tería que afrontar o Concello”, lamentan os socialistas.

A respecto da construción dun rañaceos en finca Mariñamansa, os socialistas afirman que sempre advertiron da súa inviabilidade, e poñen de manifesto que os informes técnicos e de solvencia económica lles deron a razón, ao tempo que lamentan que o alcalde “gaste recursos públicos en megaproxectos illados e inviables que nunca verán a luz”.