concellos INICIATIVAS

Os socialistas de Viana urxe a construción dun centro de día no municipio

O PSDEG-PSOE DE VIANA DO BOLO CONSIDERA “NECESARIO E URXENTE” QUE O CONCELLO PROMOCIONE, CONSTRÚA E POÑA EN FUNCIONAMENTO UN CENTRO DE DÍA NO MUNICIPIO

Os socialistas consideran que hai unha necesidade “acreditada” tralo aumento do número de persoas maiores de 60 anos no municipio nos últimos tempos e tamén do número de dependentes

Instan ao grupo de goberno municipal a levar a cabo as xestións “oportunas e necesarias” ante a Xunta de Galicia para solicitar “axudas, subvencións, equipamento e persoal” para o centro de día

Viana do Bolo, 27 de xaneiro de 2021. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo defenderá no pleno deste xoves unha moción na que insta ao Concello a promoción e posta en funcionamento dun centro de día no municipio con carácter “urxente”. Os socialistas consideran que hai unha “necesidade acreditada” de persoas que precisan deste servizo e consideran que o grupo de goberno municipal debe atender esta demanda. Solicítanlle ao goberno que se presente ao pleno un anteproxecto básico para unha dotación destas características, así como propostas para a súa localización.

Dende o Grupo Municipal Socialista sinalan que unha das iniciativas que levan reclamando de “xeito reiterado” é a atención as persoas que “no noso municipio se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade”. Os socialistas consideran que a atención aos maiores e a persoas con outras necesidades e maiores niveis de dependencia “é prioritaria” e apuntan a que “tamén o debería ser para o concello”. Os socialistas consideran que dadas as cifras poboacionais nas que segundo datos do INE (2019), Viana conta con 2.886 habitantes, dos cales 1377 son maiores de 60 anos, é dicir o 47,71% da poboación, a creación dun centro de día é “necesaria e urxente”.

Esta evolución da poboación, cun aumento progresivo dos maiores de 60 anos é motivo de “reflexión” para os socialistas, sobre a situación na que se atopan os servizos no Concello e como debe prestalos á veciñanza, “especialmente a quen se atopa en situación de especial vulnerabilidade”. Unha situación que para o PSdeG de Viana ten a súa orixe nas “novas necesidades que xorden o medrar o número de persoas dependentes e de familias que non contan cos recursos económicos e asistenciais para poder atendelos dignamente e máxime, cando deben compatibilizar os coidados que precisan os seus maiores coas obrigas laborais”.

Con esta iniciativa de creación e posta en funcionamento dun centro de día, os socialistas perseguen varios obxectivos. “Manter e recuperar a autonomía da persoa maior, favorecer a súa permanencia no medio familiar e comunitario, evitando a institucionalización e proporcionando un apoio a familia”. “Ofrecer atención diúrna integral e personalizada, desde todas as súas vertentes, social, sanitaria, psicolóxica, rehabilitadora e comunitaria”. “Posibilitar que continúen vivindo no seu domicilio, con especial atención á recuperación funcional, sen esquecer o seguimento dos problemas médicos de enfermería e sociais que actúan de ponte entre o centro e a comunidade”. Dende o PSdeG vianés consideran que todos estes obxectivos “vense reforzados nas actuais circunstancias que estamos a vivir, coa pandemia da COVID-19 atacando duramente ao nosos maiores, e converténdoos nos máis vulnerables ante a acción do virus”.

Os socialistas instan ao grupo de goberno municipal a que se leven a cabo ante a Xunta de Galicia e ante calquera outra instancia, as “oportunas xestións e solicitudes de axudas e subvencións para o acondicionamento e construción dun local onde se sitúe o centro de saúde de Viana do Bolo”. Tamén lle piden o Concello que solicite a estas institucións a “dotación do equipamento, persoal e sostemento dos gastos de explotación do centro de día”.

Melloras viais na estrada comarcal OU-533

A concelleira socialista, María Páez tamén presentará outra moción no pleno para a mellora da seguridade vial na OU-533, para a que os socialistas de Viana solicitan que se proceda á instalación de sinais verticais de tráfico nas entradas da vila cunha limitación a 30 quilómetros por hora. Tamén lle piden ao goberno municipal que inicie de “maneira inmediata” as xestións ante a Dirección Xeral de Tráfico, subdelegación do Goberno en Ourense e outros organismos competentes para que se proceda á instalación de sinais e cámaras de control de velocidade por radar “co fin de prever posibles accidentes, paliando o temor da veciñanza e garantindo a seguridade”.

Dende o Grupo Municipal Socialista explican que esta estrada comarcal, que discorre pola vila soporta un “intenso tráfico” de vehículos de todo tipo, “especialmente pesados” motivado polas obras do AVE na Gudiña, pero sinalan que a pesar de que as obras da alta velocidade están a piques de rematar “o tránsito de camións vai ser unha constante, xa que se trata dunha estrada estratéxica na saída da fábrica de compoñentes situada na Rúa cara as instalacións de Citröen en Vigo e Portugal”.

Os socialistas consideran que coa chegada da alta velocidade e o remate das obras na estación da Gudiña, a estrada converterase “nunha vía de tránsito para miles de veciños e veciñas doutras bisbarras, polo que o tránsito incrementarase dun xeito exponencial”. Ante esta situación solicitan estas melloras viarias para “seguridade da veciñanza”. Consideran que actualmente os vehículos circulan con “excesiva velocidade para o tramo, poñendo en moitas ocasión en perigo a vida de moitos peón e de outros condutores que circulan pola mesma estrada”.

Que acontece coa declaración do Entroido vianés como Festa de Interese Turístico Nacional?                                                    

A concelleira socialista aproveitará o pleno para preguntarlle ao alcalde se “está disposto a iniciar o expediente para dar cumprimento ao aprobado polo pleno do Concello e pola Comisión do Parlamento Galego para a declaración do Entroido vianés como Festa de Interese Turístico Nacional” e pediralle que amose no pleno, “o seu compromiso inequívoco se está de acordo e nos facilite unhas datas aproximadas para que comecen a recadar información e obter a documentación esixida nestes trámites, co fin do seu envío á Xunta de Galicia para que unha vez completado o expediente o eleve ao Goberno para a súa resolución final.

Paez lembra que a moción foi aprobada en pleno municipal co voto en contra do BNG, que por entón era o grupo de goberno no municipio. O alcalde por entón, Secundino Fernández, alegaba que “era moi farragoso obter a documentación e cumprir os requisitos esixidos”. Os socialistas levan dende entón insistindo no tema, pero obtiveron “evasivas constantes e falta de disposición”, por parte de Fernández, para levar a cabo a solicitude aprobada no pleno.

Os socialistas recordan tamén que o PSdeG presentou unha iniciativa no Parlamento de Galicia solicitando que a Xunta aprobara a presentación da solicitude polo noso concello de dita declaración. A inciativa foi aprobada na Comisión do Parlamento de Galicia, por unanimidade, amosando, unha vez se tramitara, a disposición da Xunta de “traballar para acadar este recoñecemento para o noso Entroido”.  Denuncian que a anterior corporación “nada fixo” por que esta iniciativa se levase a cabo e instan á nova a “obter este recoñecemento que favorecería un pulo na difusión do noso Entroido”.