Deputación de Ourense INICIATIVAS

A Deputación aproba impulsar un parque empresarial agroalimentario grazas a unha iniciativa do PSOE

“Levamos 7 anos martillando nesa idea e poderemos traela un ano máis para volver a incumprila”, advertiu a vicevoceira, Elvira Lama, tras denunciar un “problema de vontade política” do goberno de Manuel Baltar

Ourense, 29 de xaneiro de 2021. A Deputación Provincial de Ourense aprobou hoxe unha iniciativa impulsada polos socialistas, na que reclamaban que o presidente da institución, Manuel Baltar, deixe de “vender fume” desde “hai lustros” e “cumpra cos compromisos anunciados e aprobados polo pleno”. Así pois, puxeron en evidencia como, a pesar da existencia de iniciativas nos anos 2014, 2016 e 2017, o goberno provincial incumpriu a posta en marcha dun parque empresarial vinculado ao sector agroalimentario. Incluso foi incluída nos “presuntos programas electorais de candidatos a presidir a Deputación e tamén foron recollidas en supostos plans de mandato”, advertiron.

Elvira Lama | Vicevoceira na Deputación

A vicevoceira, Elvira Lama, lembrou como Baltar fixo esta promesa en diferentes mítins ou documentos sen facer nada para materializala. “Levamos 7 anos martillando nesa idea e poderemos traela un ano máis para volver a incumprila”, advertiu tras denunciar un “problema de vontade política”. “Tamén me atrevo a propoñer que a ubicación sexa na comarca da Limia pola súa importancia no sector agrogandeiro da provincia”, dixo. Lama resaltou que o proxecto “non se debe demorar máis”, polo que instou a buscar “de inmediato” fondos da Xunta, do Estado ou da UE para a súa execución co fin de “exportar e crecer”. “Queda nas súas mans, presidente”, insistiu.

A moción reclama “deseñar, coordinadamente con outras administracións públicas e co sector privado, a implantación na provincia dun parque empresarial exclusivamente vinculado ao sector agroalimentario”. Igualmente insta ao presidente da Deputación a “cumprir o estipulado no punto 21, artigo 61 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, como tamén o recollido na letra n, punto 1 do artigo 34 da Lei de Bases do Réxime Local, nos que se indican, entre as funcións do Presidente da Deputación, ‘facer cumprir os acordos da Deputación’, con especial atención a todos aqueles que contaron con apoio unánime”. A texto foi aprobado cos votos de todos os grupos da corporación.