Deputación de Ourense INICIATIVAS

O PSOE logra que Xunta e Deputación teñan que ofrecer no CHUO parking gratis para doentes crónicos

O PSDEG-PSOE LOGRA QUE A DEPUTACIÓN DE OURENSE APROBE POR UNANIMIDADE OFRECER APARCADOIRO GRATUÍTO NO CHUO AOS DOENTES CRÓNICOS OU DE LONGA DURACIÓN

Villarino dixo que é inxustificable que, ademais de sufrir as súas doenzas, deban sufrir tamén un calvario para aparcar nun hospital público” e agradeceu o acordo de todos os grupos

Ourense, 29 de xaneiro de 2021. O PSdeG-PSOE logrou que o pleno da Deputación de Ourense aprobe hoxe unha iniciativa, para ofrecer aparcadoiro gratuíto no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), aos doentes crónicos ou de longa duración. Desta forma e, sempre e cando o goberno de Manuel Baltar execute o acordo, o parking da contorna do Hospital Santa María Nai –propiedade da Deputación– e o localizado nos sotos do Hospital Universitario –propiedade da Xunta– deberán establecer estas prazas de estacionamento libres de pago.

O voceiro, Rafa Villarino, explicou que “non hai outra alternativa” no caso das doenzas crónicas e denunciou, a modo de exemplo, que “as persoas que deben ir a diálise día tres veces á semana, poden ter que pagar ata 150 euros semanais por estacionar”. Tamén destacou que, por exemplo, Alcer ten un acordo con Saba, a concesionaria do aparcadoiro da Xunta, grazas ao que, os seus asociados e asociadas, só pagan 9 euros ao mes. Sen embargo, o acordo non foi posible coa concesionaria do estacionamento da Deputación.

CHUO hospital universitario Ourense vista aerea
Hospital Universitario do CHUO

“Non debe ser moi difícil acadar acordos cando unha simple asociación foi capaz de facelo, polo que unha institución tamén debe ser capaz, sempre que haxa vontade”, proclamou o voceiro antes de sinalar que o principal obxectivo é “un gran acordo para axudar á xente que máis o precisa”. “Por que Ourense non pode ser como Vigo ou Lugo onde existen aparcadoiros gratuítos?”, insistiu Villarino. “É inxustificable que, ademais de sufrir as súas doenzas, deban sufrir tamén un calvario para aparcar os seus vehículos nun hospital público”, insistiu.

A proposta de acordo, que foi aprobada por unanimidade, reclama á Deputación Provincial a “habilitación de prazas de aparcamento libres e gratuítas no aparcadoiro da súa titularidade situado na contorna do CHUO, destinadas a persoas que estean a recibir tratamentos médicos para enfermidades crónicas ou de longa duración”. Tamén insta á Xunta a facer o mesmo no aparcadoiro da súa titularidade dos sotos do Hospital Universitario.

Na actualidade os centros sanitarios do CHUO ubicados na capital contan dous aparcadoiros de titularidade pública pero de pago, xa que funcionan en réxime de concesión: un na contorna do Hospital Nai con 800 prazas propiedade da Deputación e outro nos sotos do Hospital Universitario con outras 423 prazas propiedade da Xunta. Asemade existen dúas zonas de estacionamento libre, unha exterior e outra nos sotos do novo edificio de hospitalización, para empregados e empregadas que suman unhas 200 prazas máis.