deportes INFRAESTRUCTURAS

Esiximos alternativas para a localización do skate park ante as queixas dos usuarios e da veciñanza

O PSDEG-PSOE ADVÍRTELLE Á XUNTA E AO CONCELLO QUE O NOVO SKATE PARK “PATINA” ANTE AS PROTESTAS DE PERSOAS USUARIAS E VECIÑANZA, E ESIXE ALTERNATIVAS PARA A SÚA LOCALIZACIÓN

Os socialistas lembran que a Asociación Aggressive –que inclúe usuarios de roller, skate e outras disciplinas– xa manifestou publicamente a súa intención de levar os deportes a Pereiro de Aguiar

Piden explicacións sobre a parálise das obras e alertan de que se están a eliminar árbores na contorna da Ponte Romana e outras están a sufrir un “evidente maltrato” ao quedaren coas raíces ao aire

Ourense, 30 de xaneiro de 2021. O PSdeG-PSOE advírtelle á Xunta de Galicia e ao Concello de Ourense que a nova pista de deportes urbanos, popularmente coñecida como skate park, situada a carón da Ponte Romana, “patina” ante as protestas das persoas usuarias destas infraestruturas e da veciñanza do barrio do Couto. Así mesmo, pide explicacións pola parálise das obras e demanda que se busquen espazos alternativos para a súa localización.

“As obras levan un evidente retraso” critican desde o grupo municipal socialista, “e o que é peor: o proxecto previsto non cobre as necesidades das persoas que van facer uso del, que avanzan que prefiren trasladarse fóra da cidade; nin tampouco as dos veciños do Couto, que ven nesta actuación un ‘Cabalo de Troia’ para desmantelar o parque e facer un remendo que non contenta nin a uns nin aos outros”. Ante esta situación, os socialistas esixen que se busquen alternativas para a súa localización ou que se estude a modificación do proxecto para garantir a súa viabilidade.

Lembran que a Asociación Aggressive –que inclúe usuarios de roller, skate e outras expresións da cultura urbana–, xa manifestou publicamente nos últimos días a súa intención de levar os deportes a Pereiro de Aguiar. Fano ante o inminente peche das actuais instalacións dos Remedios, como parte da posta en valor do espazo BIC da Ponte Romana, e a ausencia dunha alternativa “apta” para a práctica das súas disciplinas deportivas.

“Consideran que non existe un apoio decidido á cultura urbana e xa están mantendo conversas cos representantes institucionais de Pereiro de Aguiar para poder situarse no futuro Parque Acuático da Xunta de Galicia, polo que existe o perigo de que as instalacións queden abandonadas”, advirten os socialistas.

Por outra banda, desde o grupo municipal socialista subliñan que a localización do novo skate park no emblemático ‘Parque do Couto’ motivou tamén as protestas dos veciños deste barrio, que rexeitan a destrución deste enclave verde e a tala de especies arbóreas existentes nesta zona, tales como os cedros do Atlas e do Himalaia ou os cipreses do Arizona.

Neste sentido, os socialistas alertan de que, debido ás obras executadas pola Xunta de Galicia, “se están a eliminar árbores na contorna da Ponte Romana”, mentres que outras están a sufrir un “evidente maltrato”, ao estaren coas súas raíces ao aire libre sen que quede claro se se van manter ou transplantar.

Por este motivo, os socialistas reiteran unha vez máis a necesidade de respectar o patrimonio arbóreo durante a execución das obras, como así fixeron constar nunha moción presentada en pleno en maio de 2019, e que segue plenamente vixente, na que esixían que o goberno municipal se comprometera a “protexer, manter e poñer en valor o Parque do Couto como pulmón verde da cidade”.