INFRAESTRUCTURAS Política social

Pedimos a reapertura inmediata da ludoteca das Lagoas, en estado de abandono polos recortes do PP e o desleixo de Jácome

O PSDEG-PSOE RESPONSABILIZA A JÁCOME E AO PP DE QUE A  LUDOTECA DAS LAGOAS LEVE SEIS ANOS “NO ABANDONO” E URXE A “REAPERTURA INMEDIATA” DAS INSTALACIÓNS MUNICIPAIS

Os socialistas levarán unha moción pleno municipal para solicitar que o Concello recupere os servizos de conciliación laboral e familiar que alí se ofrecían e para que os dote dunha asignación económica “digna”

Denuncian o “desmantelamento” das políticas sociais na cidade por parte de Jácome e piden que se active, de xeito urxente, un programa piloto de canguraxe para dar apoio ás familias durante a pandemia

Ourense, 3 de febreiro de 2021. O grupo municipal socialista visitou hoxe a ludoteca municipal das Lagoas para denunciar que leve seis anos “no abandono”  polos recortes do PP e o desleixo de Jácome, e anuncian que levarán ao vindeiro pleno unha moción para a reapertura inmediata das instalacións. Os socialistas urxen ao goberno local a “recuperar xa” os servizos de conciliación para familias en situación de dificultade ou vulnerabilidade que alí se ofrecían, e a dotalos dunha asignación económica “digna”.

De esquerda a dereita: Rafa Villarino, Concha García e Natalia González ante as dependencias municipais da ludoteca das Lagoas, en desuso.

A concelleira Concha García lamentou que un espazo de 250 metros cadrados, “que se reformou cos fondos do Plan E do goberno socialista e que o bipartito PSOE-BNG apostou por converter nunha ludoteca con salas de estudo, descanso e servizos administrativos” se atope actualmente en desuso e proceso de deterioro. Neste sentido, García apunta a que o desleixo das instalacións é “un claro exemplo do desmantelamento das políticas de conciliación laboral, familiar e de igualdade que vimos sufrindo nos últimos seis anos por parte do Concello de Ourense”.

A socialista lembrou que a ludoteca das Lagoas acolleu exitosos programas de atención a familias monomarentais e monoparentais, impulsados polos socialistas, e “dotados con 10,000 horas mensuais e 160,000 euros de orzamento”, que trala chegada do PP ao Concello no ano 2015 foron desmantelados. “O PP anulou os programas e o ‘microgoberno’ abandonou as instalacións”, detallou. Así as cousas, o grupo municipal socialista instará ao goberno local a recuperar as instalacións e comprometer “recursos humanos e económicos” para a súa posta en funcionamento.

Programa piloto de canguraxe

Así mesmo, os socialistas adiantan que instarán ao “microgoberno” de Jácome á activación “urxente” dun programa piloto de canguraxe que permita dar apoio ás familias fronte á situación de pandemia que estamos a padecer. Os socialistas propoñen un servizo destinado a nenos e nenas de entre catro meses e doce anos de idade que se atopen nunha situación de peche da súa aula escolar ou en illamento preventivo por COVID-19, a través do cal se posibilitaría a conciliación para aquelas familias en situacións de maior dificultade ou vulnerabilidade.

“Falamos dun proxecto piloto necesario durante esta grave situación derivada da pandemia, e que daría pé á implantación dun Novo Servizo Municipal de Canguraxe para todas as familias de Ourense a través da Rede de Centros Cívicos da cidade”, conclúen desde o grupo municipal socialista.