comercio Política municipal

Defendemos un enfoque «amplo e transversal» da ordenanza de veladores da cidade de Ourense

O PSDEG-PSOE DEFENDE UN ENFOQUE «AMPLO E TRANSVERSAL» DA ORDENANZA DE VELADORES E PIDE QUE O CONCELLO COMPROMETA MEDIOS HUMANOS E MATERIAIS PARA A SÚA POSTA EN MARCHA

Os socialistas piden abordar o texto de xeito conxunto con outras normativas obsoletas como as de ruídos, botellón, accesibilidade e tráfico e que se teña en especial consideración a zona histórica

Avogan pola “convivencia harmónica” entre a utilización dos espazos públicos por parte de comerciantes e hostaleiros e o uso e desfrute por parte da cidadanía

Ourense, 4 de febreiro de 2021. O PSdeG-PSOE defendeu hoxe, na reunión sobre o anteproxecto da nova ordenanza de terrazas e veladores en espazos de uso público do Concello, que o novo texto teña un enfoque “transversal”. Para elo, os socialistas avogan por abordar a ordenanza desde o consenso político e en conxunto con outras normativas como as de ruídos, botellón, accesibilidade e tráfico, de xeito que o marco legal resultante sexa “o máis amplo posible”.

Neste sentido, a concelleira Juana Ageitos considerou “fundamental”  reservar un apartado específico na nova normativa para a zona histórica, “non só pola súa singularidade”, senón para “evitar a posible sobreexplotación hostaleira” e os conflitos de convivencia que poidan derivarse ante a “ausencia dunha normativa conxunta que garanta a accesibilidade, o acceso do tráfico rodado, a regulación do fenómeno do botellón ou o control dos ruídos que afecta ao benestar dos veciños e veciñas”.  

Xunta de voceiros no salón de plenos do Concello de Ourense, para avanzar na nova ordenanza de terrazas e veladores

Ademais, desde o grupo municipal socialista consideran “imprescindible” prever, orzamentar e configurar os cambios necesarios desde a Concellaría de Persoal e Comercio para que, en canto entre en vigor a nova norma, existan medios humanos e materiais dispoñibles para a súa aplicación de maneira “ordenada, capacitada e efectiva”. Neste sentido, os socialistas advirten que, a día de hoxe, “o persoal da Concellaría de Comercio é totalmente insuficiente” e que tampouco se conta cos medios axeitados para o control e supervisión de terrazas por parte da Policía Local, os Bombeiros ou na área de urbanismo.

Así, os socialistas entenden que é preciso contar con informes dos departamentos implicados no desenvolvemento da futura ordenanza de terrazas e veladores, polo que pedirán que se emitan os ditos documentos desde as xefaturas correspondentes.

Convivencia harmónica

A respecto da instrución en vigor aprobada durante a pandemia, os socialistas coincidiron na necesidade de formular unha regulación que permita a “convivencia harmónica” entre a utilización dos espazos públicos por parte de comerciantes e hostaleiros e o uso e desfrute por parte da cidadanía, “un aspecto clave no momento actual”, destacou a concelleira Ageitos.

“A maiores desta disposición momentánea, debemos abordar a redacción e aprobación da nova ordenanza á maior brevidade posible para dar seguridade e regularizar esta situación en Ourense dunha vez por todas”, concluíron.

Supresión das taxas

A respecto da proposta de supresión de taxas aboadas no 2020 e a eliminación das mesmas ata 2022 a través da modificación da ordenanza fiscal correspondente, os socialistas subliñan que a iniciativa foi acordada en Xunta de Voceiros por todos os grupos políticos en aras de axudar ao sector hostaleiro, fortemente golpeado pola crise e as restricións fronte á COVID.

Así mesmo, os socialistas lembran que a presentación do anteproxecto para a regulación de terrazas e veladores chega despois da aprobación por unanimidade no pleno municipal de decembro dunha iniciativa do grupo do PSdeG-PSOE na que se esixía a creación urxente dunha comisión de traballo.