concellos INICIATIVAS

PSdeG-PSOE e Ribeiro en Común presentan unha moción de censura en Ribadavia

PSDEG-PSOE E RIBEIRO EN COMÚN PRESENTAN UNHA MOCIÓN DE CENSURA EN RIBADAVIA PARA CONFORMAR UN NOVO GOBERNO DE CAMBIO E PROGRESISTA QUE TRABALLE A PROL DA VECIÑANZA

Ambas formacións políticas concordan en que a capital do Avia merece un goberno comprometido coa veciñanza e que traballe para “mellorar a vida da cidadanía, lonxe da propaganda partidista do PP”

A concelleira socialista, Noelia Rodríguez, será a alcaldesa, mentres que as responsabilidades de tenencia de alcaldía e a vocearía do goberno recaerán en Paula Rodríguez e Brais Fidalgo de Ribeiro en Común, no que será o primeiro goberno municipal encabezado por mulleres na historia de Ribadavia

Ribadavia, 8 de febreiro de 2021. Tras varios meses de incumprimentos “graves” por parte do goberno no PP, e despois de elaborar un amplo programa de goberno que aposte polo futuro, o presente e especialmente pola veciñanza de Ribadavia, PSdeG-PSOE e Ribeiro en Común presentaron esta mañá por rexistro unha moción de censura contra o alcalde do Partido Popular, César Manuel Fernández Gil, que foi elixido rexedor en xuño de 2019 en segunda votación e por maioría simple, sen contar máIs que co apoio do seu propio grupo. As forzas da oposición consideran que o actual goberno municipal incumpriu os compromisos políticos “máis fundamentais para o interese municipal, o que xerou unha perda de confianza da corporación no actual alcalde, motivando unha situación política de desprestixio e deterioración do goberno”.

A proposta tanto de PSdeG, como de Ribeiro en Común é que a concelleira socialista, Noelia Rodríguez asuma a alcaldía, sendo a tenente de alcalde, Paula Rodríguez, de RenC. Deste xeito ambas formacións apostan por un goberno de “cambio, progreso e feminista” e remarcan que se tratará do “primeiro goberno municipal da historia de Ribadavia que estea encabezado por mulleres”. En próximos días, darán a coñecer o reparto de áreas entre concelleiros e concelleiras das dúas forzas políticas, así como o organigrama do equipo de goberno, do que Brais Fidalgo actuará como voceiro.

No escrito da moción de censura, ambas formacións políticas concordan en que Ribadavia “non pode continuar cun goberno que en plena crise social está instalado na promoción e en vender propaganda baleira”. Subliñan tamén a “urxencia” de conformar un novo goberno municipal que teña como prioridade “axudar a unha sociedade que está afrontando duros momentos e que necesita de investimentos municipais para poñer en marcha o municipio”.

Con este acordo o PSdeG-PSOE e Ribeiro en Común pretenden facer posible unha maioría progresista no pleno e no goberno municipal en favor da veciñanza e da xustiza social. Ambos grupos comprométense a que os 7 concelleiros e concelleiras de Ribadavia “manterán a lealdade institucional” para acadar un goberno que “traballe polo ben común”. Fan fincapé tamén en que a veciñanza da vila decidiu co seu voto o pasado 26 de maio de 2019 que “querían un cambio de progreso para o seu concello, cun goberno plural, progresista e de esquerdas que traballara por Ribadavia”.

Os asinantes da moción profundizan tamén nos motivos que os levaron a asinar e presentar a devandita moción de censura, facendo un percorrido pola actual lexislatura da que din que “co actual goberno quedou demostrado que non se aportan solucións reais os problemas que padece o municipio”. Tamén remarcan a “falta de capacidade” do actual rexedor para conseguir “verdadeiros investimentos doutras administracións”, acusan a Fernández de “non ser capaz de chegar a acordos cos grupos” e critican que as propostas da oposición aprobadas en pleno “non se levan a cabo ou se demoran no tempo, facendo que perdan efectividade”.

A situación “é insostible” en palabras dos asinantes e creen que no contexto actual, tan difícil para a maioría da sociedade ribadaviense, e con moitos casos de veciños e veciñas que viron reducidos os seus ingresos, “non podemos aceptar que o Concello non priorice as políticas sociais para a xudarlle a veciñanza que máis o necesita”, sinalan. “En crises como as que estamos a vivir, os concellos teñen que estar máis preto ca nunca da veciñanza, priorizando as necesidades máis esenciais”, explican dende o PSdeG-PSOE e Ribeiro en Común.

Por todos estes motivos, ambas formacións chegaron a un entendemento co obxectivo de lograr un “cambio” en Ribadavia para “garantir” un goberno mellor. Un acordo consensuado que busca “mellorar as vidas” da veciñanza cun da man dun novo goberno “progresista e transparente cun compromiso claro co ben común e o bo goberno”. Un goberno que segundo manifestan os asinantes “nace coa vontade de mudar unha situación insostible, de axudar a toda a cidadanía nuns momentos moi complicados, onde o Concello está ausente”. Consideran que “é tempo de garantir o apoio municipal a veciñanza que tanto está sufrindo as consecuencias sociais derivadas da crise sanitaria provocado polo coronavirus.

PSdeG-PSOE e Ribeiro en Común teñen como prioridades para o comezo a creación dunha comisión municipal de seguimento da COIVd-19 e a aprobación duns orzamentos “prometidos polo PP e que nunca chegaron e que desta vez si aposten de xeito decidido polo gasto social de políticas públicas destinadas aos veciños e veciñas máis afectados pola crise”. Manifestan tamén que o novo goberno está aberto a novos apoios e nos próximos días relatarán máis polo miúdo o seu programa de goberno.