Concello de Ourense INICIATIVAS

Instamos ao Concello a conceder o XV Premio Clara Campoamor ás mulleres concelleiras na cidade da democracia

O PSDEG-PSOE PRESENTA UNHA INICIATIVA PARA INSTAR AO CONCELLO A RECOÑECER O LABOR DAS MULLERES CONCELLEIRAS EN DEMOCRACIA OUTORGÁNDOLLES O XV PREMIO CLARA CAMPOAMOR

O grupo municipal socialista considera que “a realidade política de Ourense” require que a igualdade, a loita contra a violencia de xénero e os dereitos adquiridos polas mulleres volvan estar na axenda

Propoñen destinar o premio Clara Campoamor 2021 a recoñecer o traballo das 60 mulleres que pertenceron á corporación municipal durante estes 42 anos de democracia, á marxe de “cores políticas”

Ourense, 8 de febreiro de 2021. O grupo municipal socialista vén de presentar unha moción que levará ao vindeiro pleno municipal para instar ao Concello a facer un recoñecemento público a todas as mulleres concelleiras na cidade da democracia (1979-2023) a través da concesión do XV Premio Clara Campoamor de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres 2021, no marco da programación de actos do vindeiro 8M, Día Internacional da Muller Traballadora.

As concelleiras Concha García, Natalia González e Juana Ageitos, acompañadas do voceiro, Rafa Villarino, e do concelleiro Javi Rey.

Así o explicou a vicevoceira do grupo municipal socialista, Natalia González, quen deu a coñecer a iniciativa aos medios no día que se cumpre un mes xusto para a celebración do 8M. “Hoxe presentamos unha iniciativa que está plenamente orientada cara ao papel da muller na política e cara á reivindicación da igualdade”, explicou González, quen lamentou que “nos últimos seis anos houbo un total desmantelamento das políticas de igualdade e dos servizos de atención á muller na cidade de Ourense”, motivo polo que defendeu que cómpre “reivindicarnos e reivindicar o noso papel na política municipal”, ao tempo que lembrou que “da política depende todo o demais, incluídos ámbitos como o sanitario ou o social, nos que as mulleres sufrimos situacións de discriminación”.

Neste sentido, González puxo de manifesto que “a realidade política de Ourense”, cun goberno municipal integrado plenamente por homes, require que a igualdade, a loita contra a violencia de xénero e os dereitos adquiridos polas mulleres volvan estar na axenda.

A socialista subliñou que esta iniciativa ten como obxectivo “visibilizar” o rol “necesario e imprescindible” da muller na política, e nomeadamente das 60 mulleres que pasaron pola corporación municipal de Ourense nos últimos 42 anos, cuxos logros cómpre pór en valor. A modo de exemplo, a vicevoceira falou da Concellaría de Igualdade, dos tres plans xerais de igualdade e dos numerosos programas e servizos de atención á muller e de loita contra a violencia machista. “Grazas ao traballo de todas elas, nós estamos hoxe aquí”, resumiu a socialista.

González defendeu que se trata dunha iniciativa “con valor sentimental”, que as socialistas e os socialistas defenden “deixando a un lado cores políticas”. Por este motivo, agardan que suscite a unanimidade do pleno municipal, para logo levar a proposta a consideración do Consello Municipal da Muller e que o XV Premio Clara Campoamor poida ser concedido ás 60 mulleres concelleiras en democracia.