concellos POLÍTICA

Ventos de cambio, progreso e futuro para Ribadavia

O PSDEG-PSOE DE OURENSE DEFENDE QUE A MOCIÓN DE CENSURA PERMITIRÁ REMATAR COAS POLÍTICAS CLIENTELARES DO PP E TRAERÁ VENTOS DE CAMBIO, PROGRESO E FUTURO PARA RIBADAVIA

Os socialistas congratúlanse de que Ribadavia teña ao fronte do goberno a unha muller por “primeira vez na súa historia” e subliñan que a moción “ben motivada por unha situación insostible e de parálise do PP”

A futura alcaldesa, Noelia Rodríguez, afirma que o novo goberno “traballará a prol da veciñanza, que son o motor de Ribadavia” e subliña “a necesidade de tomar medidas urxentes contra a pandemia”

Ourense, 9 de febreiro de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense ofreceu esta mañá unha rolda de prensa na que participaron o secretario provincial, Rafa Villarino; o voceiro municipal do grupo municipal socialista de Ribadavia, Nacho Gómez; e a que será a futura alcaldesa da vila logo do acordo chegado polos socialistas de Ribadavia e Ribeiro en Común para asinar a moción de censura contra o actual rexedor, o popular César Fernández. Os socialistas defenden a “urxencia” de mudar o sino de Ribadavia e de rematar coas políticas clientelares do Partido Popular que no último ano e medio, con eles ao fronte do goberno municipal, non conseguiron nin un só investimento para a vila. Dende o seno do PSOE ribadaviense acusan ao rexedor de dedicarse a “propaganda e autobombo” e critican a ausencia de orzamentos para 2021, en plena crise sanitaria provocada pola terceira onda da pandemia.

O primeiro en tomar a palabra foi o secretario provincial dos socialistas ourensáns, Rafael Rodríguez Villarino, quen manifestou que se trataba dunha “gran nova” para Ribadavia, onde a maioría de forzas progresistas, que son maioritarias, volven a gobernar. O voceiro socialista fixo fincapé tamén na “ledicia” que supón este acordo que segundo afirmou “se levou a práctica ante a situación insostible dun goberno municipal que non foi capaz de elaborar os orzamentos, que non conseguiu nin un só investimentos de relevancia e que non tiña ningún espírito de facer progresar a vila”.

Villarino puxo o foco no Partido Popular, sinalando que “chegou a Ribadavia sen ser forza maioritaria e tentaba selo coas políticas clientelares de sempre”. O líder dos socialistas ourensáns destacou tamén que Ribadavia “non podía seguir nesa situación, nun concello que sempre foi vangarda e eido da cultura e de iniciativas de futuro, cousa que o PP estaba torcendo”. Tamén manifestou que entendía que o PP se “sentise doído” pois “xa non goberna en ningunha das vilas da provincia e non ten peso urbano”.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense aproveitou para agradecer a labor “incansable” do actual voceiro socialista, Nacho Gómez, do que afirmou “leva moitos anos traballando por Ribadavia, tanto como alcalde, como no grupo de goberno” e expresou que se trata dun “home con gran experiencia e un papel fundamental na Deputación e que ademais vai axudar a que Ribadavia teña futuro”.

Pola súa banda, o actual voceiro municipal do Grupo Municipal Socialista e vicevoceiro do Grupo Provincial, Nacho Gómez Pérez, expresou a “satisfacción” propia e do partido porque a primeira alcaldesa da historia de Ribadavia sexa socialista o que supón “unha honra”. Gómez Pérez fixo fincapé no “papel relevante” das mulleres no Concello de Ribadavia, onde a día de hoxe son maioría, polo que manifestou que “nótase a forza coa que veñen e vaise notar máis cunha alcaldesa e unha tenente de alcalde que van facer que todo funcione perfectamente”.

O actual voceiro municipal dos socialistas de Ribadavia tamén fixo fincapé en que Ribadavia “vai ter a alcaldesa que merece” e destacou que Noelia Rodríguez “será mellor alcaldesa que os anteriores tres alcaldes socialistas que tivemos”. Nacho Gómez tamén quixo pór de manifesto que “a min ninguén me obriga a dar este paso e ceder o testiño e a responsabilidade”. “Eu entendo que teño que dar este paso porque vai ser a mellor alcaldesa para a vila e síntome moi orgulloso de que sexa ela a que asuma a alcaldía e eu vou contribuír coa miña experiencia a un goberno que ten unha ilusión tremenda”.

Gómez aproveitou tamén para responder as verbas do secretario xeral do Partido Popular, Rosendo Fernández ao que invitou a “facer como facemos en Ribadavia e comezar a entender que hai que deixar paso a novas xeracións”. Afirmou que entendía “o cabreo” dos populares pola moción, pero lembroulles que esta chega nun concello no que a esquerda “é maioría con 8 concelleiros”, unha situación que “nunca antes se vivira en Ribadavia, cunha esquerda máis forte e con máis apoios ca nunca”.

A última en falar foi a futura alcaldesa, a actual concelleira socialista, Noelia Rodríguez, que leva formando parte da corporación dende 2011. A nova rexedora da capital do Avia expresou que ser política e concelleira “aportoume moiro na vida profesional e por elo estou disposta a traballar na mellora constante de Ribadavia”. A actual concelleira do PSdeG tamén expresou que formarán un goberno de “esquerdas, amplo, plural, de progreso e feminista” e subliñou que supuña “unha honra” ser a primeira muller alcaldesa “e máis aínda baixo as siglas do meun partido, o PSOE, que defende a igualdade entre homes e mulleres”.

Noelia Rodríguez convertirase na primeira muller que accede a alcaldía de Ribadavia.

Rodríguez manifestou que asumía este reto “coa responsabilidade que me encarga o PSOE de liderar o goberno” e expresou que “o meu estímulo e facelo o mellor posible traballando con moita ilusión, responsabilidade, humildade e polo ben dos veciños e veciñas de Ribadavia”. A nova alcaldesa da vila tamén manifestou que contaba cun equipo que “coñece Ribadavia de primeira man e está disposto a traballar para tomar medidas urxentes contra a crise sanitaria que se está a padecer nesta terceira onda da COIVD-19”.

As primeiras medidas que o novo goberno levará a cabo tal e como expresaron PSdeG-PSOE de Ribadavia e Ribeiro en Común na nota conxunta sobre a moción de censura será a creación dunha comisión de seguimento da COVID co obxectivo de “manter informados a todas as forzas políticas e a veciñanza e protexer a súa integridade”. Noelia Rodríguez tamén adiantou que “estamos elaborando uns orzamentos sociais que son moi necesarios, xa que o non aprobarse causaron estragos en diferentes estamentos da poboación”.

Noelia Rodríguez rematou a súa intervención afirmando que “sopran ventos novos en Ribadavia, de cambio, de progreso, de feminismo e de futuro. Sopran ventos de esperanza para saír desta crise e seguir traballando a prol da veciñanza, xa que os veciños e as veciñas son o motor da vila e o activo máis importante que temos”.