Denuncias POLÍTICA

Condenamos os ataques machistas contra a futura alcaldesa de Ribadavia

O PSDEG-PSOE DE OURENSE CONDENA DE FORMA “ROTUNDA E ENÉRXICA” ÓS ATAQUES MACHISTAS E VEXATORIOS CONTRA A FUTURA ALCALDESA DE RIBADAVIA, NOELIA RODRÍGUEZ

As socialistas denuncian que estes comportamentos son “intolerables” en pleno século XXI e laiase de que a día de hoxe “siga habendo xente ancorada no pasado e que opte por estes comportamentos misóxinos”

Ourense, 10 de febreiro de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense expresa a súa “rotunda e enérxica condena e repulsa” contra os ataques machistas e vexatorios vertidos nas últimas horas a través das redes sociais contra a que será a futura alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez, empregando imaxes privadas no que consideran unha “campaña misóxina” e que busca “desacreditar e ensuciar” a imaxe de Rodríguez ante a opinión pública cunha estratexia “lamentable” e propia dos “tempos escuros”.

Os socialistas consideran “intolerables” este tipo de comportamentos en pleno século XXI e esixen “respecto” para a actual concelleira socialista, ante uns feitos que consideran “extremadamente graves”. Dende o PSdeG-PSOE ourensán e a través da súa secretaría provincial de igualdade láianse de que nos tempos que corren “haxa aínda xente ancorada no pasado e que non sexa capaz de respectar que unha muller desempeñe un cargo público”.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense amosan o seu total apoio a futura alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez, “unha muller preparada e que asume a responsabilidade de traballar pola veciñanza do municipio”. Destacan tamén que se trata dunha persoa “cunha traxectoria impecable e que leva moitos anos traballando diariamente por mellorar as condicións da súa vila” e apuntan a que “é a mellor rexedora que Ribadavia podería ter porque vai defender os intereses e as demandas dos veciños e veciñas con paixón, ilusión e esmero”.

Para os socialistas este tipo de ataques “non teñen cabida nunha sociedade progresista, feminista e democrática” e convidan ao Partido Popular e o resto de forzas políticas a condenar e denunciar este tipo de comportamentos “machistas, misóxinos e carentes de ética”, dos que din “só buscan facer dano persoal, sacando de contexto e terxiversando unha imaxe persoal e privada da vida diaria dunha persoa”. Convidan a estas persoas que optan por este tipo de comportamentos “desprezables” a que “asuman que a muller ten os mesmos dereitos que os homes” e invitan a sociedade a reflexionar “ata cando vamos permitir este tipo de comportamentos”.