concellos Denuncias

As socialistas de Punxín denuncian a falta de iniciativas do goberno municipal para garantir o benestar

O PSDEG-PSOE DE PUNXÍN DENUNCIA UN NOVO EPISODIO DE “DESLEIXO” POR PARTE DO GRUPO DE GOBERNO MUNICIPAL ANTE A FALTA DE INICIATIVAS PARA GARANTIR O BENESTAR DA VECIÑANZA

As socialistas presentaron unha batería de “medidas urxentes” para aplicar no Concello, pero atopáronse coa negativa dun grupo de goberno que “está de brazos cruzados agardando pola Xunta”

A voceira do PSdeG no municipio, Lorena Peleteiro, critica a “pésima actitude de PP e Ciudadanos ante un tema tan grave como o que estamos a sufrir, sen unha soa iniciativa e sen escoitar á oposición”

Punxín, 11 de febreiro de 2021. O PSdeG-PSOE de Punxín denuncia un novo episodio de “desleixo e abandono da veciñanza” por parte do grupo de goberno municipal no concello, composto polo Partido Popular e Ciudadanos, en plena terceira onda da pandemia provocada pola COVID-19. As socialistas critican a falta de investimentos e medidas para garantir o benestar persoal dos veciños e veciñas do municipio e denuncian que “se atopan abandonados a súa sorte, nun momento de extrema gravidade.

Ante a falta de iniciativa e a incapacidade na xestión, as socialistas decidiron presentar por rexistro unha solicitude na que pedían a adopción de medidas de “carácter preventivo”, que redundarán nunha maior seguridade fronte a dispersión do virus. Atopáronse coa resposta do grupo de goberno na que segundo manifestan dende o PSdeG-PSOE de Punxín “deixan claro que son uns meros intermediarios da Xunta de Galicia e que o benestar e a seguridade de traballadores e veciños e veciñas non lles interesa o máis mínimo”.

A voceira socialista en Punxín, Lorena Peleteiro, critica que o actual goberno municipal “está tendo unha pésima actitude ante un tema tan grave coma este que estamos a sufrir, sen unha soa iniciativa, e por suposto, sen ter en conta ningunha das propostas socialistas”. Destaca tamén que Punxín “conta a día de hoxe cunha incidencia de 1.143 casos por cada 100.000 habitantes” e láiase de que o goberno municipal “estea esperando a que as medidas sexan obrigatorias para aplicalas”.

Na súa solicitude por escrito, as socialistas solicitaba que se procedese a subministración de máscaras do tipo FFP2 a todas as traballadoras e traballadores do concello, poñendo vital importancia nas traballadoras do servizo da axuda no fogar. Dende o PSdeG de Punxín consideran que este colectivo “é mais imprescindible ca nunca e polo tanto temos que velar pola súa seguridade e a dos usuarios do servizo”. Peleteiro critica que a resposta do concello a dita solicitude “fose que non son obrigatorias e por iso non as están enviando”, o que segundo a voceira amosa “unha falta total de previsión”.

As socialistas tamén lle solicitaron ao grupo de goberno municipal que se puxera a disposición da veciñanza un teléfono para  atender as demandas que poidan ter, así como atender as necesidades básicas das mesmas, como pode ser a subministración de alimentos ou medicamentos, evitando na medida do posible, que estas persoas teñan que saír das súas vivendas e reducindo así as posibilidades de contaxio. “A resposta do alcalde é que non vai habilitar ningún número de teléfono e que os que así o desexen sigan empregando o actual teléfono para as súas demandas”, explica Peleteiro, que tamén apunta que “é unha mostra máis da incapacidade na xestión”.

O PSdeG-PSOE Punxín tamén solicitaba nese escrito a suspensión temporal do cobro de impostos e taxas a todos os negocios do municipio que están vendo afectada a súa actividade e pedían tamén que se facilitase a forma de pago a toda a veciñanza que viu reducida a súa capacidade económica, mediante a supresión de recargos polo pago fóra do período establecido e mediante a ampliación destes prazos de pago. “Unha vez máis a resposta foi negativa, alegando que en Punxín case non hai negocios e que as persoas poden solicitar aprazamentos se o consideran necesario, esquecéndose o alcalde de dicir que eses aprazamentos con levan un incremento no importe do recibo, o que volve a amosar que a PP e Ciudadanos, a veciñanza de Punxín non lle interesa”, apunta Lorena Peleteiro.

As socialistas consideran que “é o momento de traballar unidos e unidas para que ninguén quede atrás”, motivo polo que se puxeron a dispor do grupo de goberno para traballar pór e para Punxín, pero unha vez máis “rexeitaron as nosas propostas e optaron por seguir cruzados de brazos esperando instrucións da Xunta de Galicia”.