CONGRESO SOCIALISTAS OURENSÁNS NAS INSTITUCIÓNS

O PSOE no Congreso tacha de “polémica artificial” as críticas do PP sobre as salas 091

O PSOE NO CONGRESO CUALIFICA DE “POLÉMICA ARTIFICIAL” AS CRÍTICAS DO PP DE OURENSE SOBRE A REORGANIZACIÓN DAS SALAS DO 091 DA POLICÍA NACIONAL

“Este é un plan herdado do Goberno do PP” que “eles non levaron á práctica porque estaban máis centrados en utilizar a policía para ocultar a súa corrupción e non en dar o mellor servizo ao cidadán”

Vázquez Blanco “mostraba o seu apoio” cando Rajoy recortaba 42 efectivos en Ourense mentres “creaban brigadas políticas” e só sae agora “para gañar puntos nas pelexas internas de poder no PP”

Ourense, 11 de febreiro de 2021. O PSOE no Congreso cualifica de “polémica artificial” as críticas do PP sobre a reorganización das salas do 091 da Policía Nacional. “O peche de salas do 091 faise para garantir o correcto funcionamento e dar un mellor servizo ao cidadán”, aseguran antes de matizar que “non obedece a razóns políticas nin económicas, senón a razóns técnicas para optimizar os recursos materiais e humanos”. “É unha polémica artificial creada pola señora Ana Vázquez Blanco para gañar puntos nas pelexas internas e ansias de poder no Partido Popular”, insisten.

“Lembramos á señora Vázquez que esta decisión obedece a criterios técnicos e non políticos, de feito, este é un plan herdado do Goberno do PP de Mariano Rajoy, sendo director xeral da Policía, Ignacio Cosidó”, recordan. “Non levaron á práctica esta reorganización porque estaban máis centrados en utilizar a policía para ocultar os seus graves casos de corrupción e non en que se ocupase de dar o mellor servizo ao cidadán”, denuncian. “Proba disto é a redución de 42 efectivos en Ourense durante os sete anos de goberno do PP (2011-2017), co aplauso do PP provincial que non dixo nada”, resaltan.

Tamén destacan que “é rotundamente falso que noutras provincias houbese mobilizacións contra a decisión”. Ao contrario, matizan, xa que “nalgúns lugares xa se está levando a cabo o novo servizo con total normalidade”, e tras esta reorganización “operan as novas salas do 091 sen diminución na calidade do servizo algunha”. O PSOE pon en valor a “profesionalidade” dos membros da Policía que “dan o mellor servizo aos cidadáns estean onde estean”.

Os socialistas denuncian que, mentres os populares “recortaban axentes brutalmente” e “creaban brigadas políticas para delinquir”, “a señora Vázquez Blanco mostraba o seu apoio a esas decisións entre aplausos”. Desde o ano 2018, trala volta do PSOE a La Moncloa, creáronse máis de 5.000 novas prazas de Policía Nacional, unha cifra que seguirá a aumentar coa mellora das ofertas de emprego ata cubrir os máis de 11.000 efectivos perdidos en época do PP.