concellos Denuncias

Os socialistas de Cartelle piden solucións para os propietarios da concentración parcelaria

O PSDEG-PSOE DE CARTELLE DENUNCIA QUE 28 ANOS DESPOIS DA CONCENTRACIÓN PARCELARIA NO MUNICIPIO OS PROPIETARIOS SEGUEN SEN TÍTULOS DE PROPIEDADE DOS TERREOS

Os socialistas critican o “desleixo e abandono” que vive a veciñanza por parte do Concello e Xunta de Galicia, “que nin dan solucións, nin moven un dedo por resolver un tema de suma importancia”

O voceiro do PSdeG-PSOE, Jesús Pereira, considera “inadmisible que case tres décadas despois non haxa solución para estes propietarios” e pídelle ao PP que “abandone o inmobilismo e se poña a traballar para dar resposta aos problemas reais da veciñanza de Cartelle”

Cartelle, 12 de febreiro de 2021. O PSdeG-PSOE de Cartelle denuncia o “desleixo e abandono” que viven os veciños e veciñas do municipio por parte do grupo de goberno municipal do Partido Popular e da Xunta de Galicia, que non da solucións a máis de 1000 propietarios de parcelas nunha concentración na parroquia de Cartelle, iniciada no ano 1993, e na que a día de hoxe a Xunta e Medio Rural, aínda non redactaron, nin entregaron os títulos de propiedade. Os socialistas urxen as institucións a que se poñan a traballar canto antes para dar solución a un problema que se arrastra durante as últimas dúas décadas e que provoca graves problemas aos propietarios, ao non dispor de ningunha escritura que certifique a titularidade dos terreos.

Dende o Grupo Municipal Socialista indican que entre o ano 2006 e 2007 rematouse coa concentración parcelaria das fincas na parroquia de Cartelle, pero ata día de hoxe “ningún veciño recibiu o título que o autoriza como propietario da parcela”. Os socialistas afirman que no seu momento foron 1200 os veciños e veciñas que destinaron as súas fincas a esta concentración parcelaria “buscando sacar produtividade destas terras, pero o proxecto quedou completamente abandonado”.

Tal e como indica o voceiro do PSdeG-PSOE en Cartelle, Jesús Pereira, “Medio Rural escúsase e desvía o tema dicindo que os papeis están nunha notaría e non ofrecen solucións nin asumen a súa responsabilidade. Unha situación que provoca que os veciños e veciñas teñan que desprazarse ata estruturas agrarias “en busca dunha certificación, o non dispoñer de título de propiedade, cada vez que precisan solucionar algún problema relativo coas súas parcelas”, explica o voceiro socialista, que considera “inadmisible que nos tempos que corren non se lle dea ningún tipo de solución”.

Pereira esíxelle ao Concello de Cartelle “que abandone o inmobilismo e se poña dunha vez por todas a traballar pola veciñanza para dar resposta a este problema grave polo que a veciñanza leva anos pedindo solucións”. O socialistas critica as políticas do PP no rural das que din “non dan ningún tipo solución ao abandono e no caso de Cartelle e desta parcelaria, demostra que non hai ningún tipo de interese en que non se abandone e se lle saque partido as terras”.

Os socialistas presentarán un escrito en Medio Rural para buscar solucións para os veciños e veciñas desta parcelaria e pedir que “con urxencia” se proceda a elaboración dos títulos de propiedade e que se “poña fin ao abandono e o desleixo que sofren en Cartelle por parte do PP, que opta por abandonar á veciñanza e deixar morrer o rural”.