Reflexións

Baltarismo ou democracia, Ourense hoxe pode elixir

Por Rafael Rodríguez Villarino, secretario provincial do PSdeG-PSOE

Dende a súa creación en 1836, foron escasas as oportunidades que tiveron as forzas progresistas para deixar a súa pegada na Deputación de Ourense, limitándose esta esperanza ao breve período da II República. 

Quedarán para a lembranza da modernización no ente provincial as presidencias de Luís Fábrega Coello (1931-1934), Arturo Rodríguez Sieiro (1934-1936) e, ao longo de 1936, José Rodríguez Bouzo (de xaneiro a marzo) e Felisindo Álvarez Xesteira (cuxo mandato rematou o 18 de xullo de 1936, por mor da sublevación franquista). Primeiro na ditadura, e logo na transición á democracia actual ata 1978, presidiu a Deputacion David Ferrer Garrido. 

Mais foi Vitorino Núñez Rodríguez quen rexeu o ente provincial cando a anovada democracia aspiraba normalizarse (entre 1979 e 1990).  No seo da súa formación política galeguista, centrista e conservadora figuraba José Luís Baltar Pumar.  J. L. Baltar, alcalde de Nogueira de Ramuín dende 1979 ata 1991 con diversas siglas políticas (UCD, CG, AP e CdeG), é nomeado deputado provincial en 1983, seguindo como tal ata que acada a cadeira da Deputación en 1990.

Con el, retrocédese do conservadurismo ao caciquismo, sumindo na corrupción á administración provincial e aos concellos afíns, conformando unha rede clientelar de familiares e amizades que parasitan empregos públicos ata o día de hoxe. A súa inhabilitación, en xullo de 2014, polo delito de prevaricación continuada ao “enchufar” a 104 persoas en 2010, resultou serodia e pagoulle a pena, xa que deixou en herdanza a Deputación ao fillo en 2012, coma era seu fin. 

Iniciábase así unha saga familiar que continúa en Manuel Baltar Blanco o sistema de reparto discrecional de fondos e contratos públicos de todos coñecido.  O mecanismo de elección indirecta da Presidencia da Deputación protexeu ao herdeiro ata as últimas municipais, onde o fartazgo co baltarismo nas vilas e na capital fixeron que o PP perdera -por primeira vez- a maioría absoluta na Deputación. 

M. Baltar resístese a admitir que o organismo provincial que recibiu como agasallo non é “seu”, e merca a quen pode e se deixa mercar para aferrarse ao poder.  Pero o certo é que ninguén quere perpetuar un réxime antidemocrático e antipopular que afunde a Ourense nós últimos lugares dos índices de desenvolvemento estatal. 

Baltar sábeo, está feble e nervoso, a piques de quedar sen fieis.  Nos estertores do baltarismo, os insultos, descualificacións e a práctica da trola permanente é -a falta de argumentos- a súa única salida. Mais no horizonte inmediato Baltar perde, e Ourense está á espera de que volva a esperanza dun novo, limpo e progresista xeito de gobernar